Anxo Sánchez González, arquitecto

Charles-Edouard Jeanneret – “Le Corbusier” (1887-1965)

Publicado en O Correo Galego el 19 de junio de 2000

Perpectiva do Plan Voisin para París.
Le Corbusier - Foto: Walter LIMOT/AKG.de (1934).

ARQUITECTURA. A serie que habitualmente realiza para DESCUBRIR Ángel Sánchez achéganos hoxe unha das figuras máis sobranceiras da arquitectura mundial e, dende logo, fundamental para entender o Movemento Moderno en toda a súa extensión. O francés Le Corbusier, a través das súas ideas escritos e obras influíu nos arquitectos dun xeito decisivo, o que fai que sexa responsable en boa medida do mellor -e, para que negalo, tamén do peor- dos edificios que nos toca vivir hoxe en día. Como dixo el mesmo nos seus últimos anos: "Se vostede me retira a min da arquitectura, o mundo non sería o que é''. A súa vida e a súa obra, obxecto dunha grande exposición da Fundación Pedro Barrié de la Maza da Coruña, pódense ler nas seguintes páxinas. 

Le Corbusier, o máis influínte dos arquitectos do século XX, é responsable en gran medida dos edificios que poboan hoxe as nosas cidades Le Corbusier é posiblemente o arquitecto máis influínte na arquitectura do século XX, máis alá da calidade das súas obras supuxo unha revolución polas súas ideas. Le Corbusier é a figura clave do Movemento Moderno, sen dúbida a personaxe máis visible, máis influínte, máis polémica, máis popular e máis criticada do movemento que revolucionou a arquitectura.

Le Corbusier, a través das súas ideas escritas e obras influíu nos arquitectos dun xeito decisivo, que fan que sexa responsable en boa medida do mellor e do peor dos edificios que nos toca vivir. Como dixo el mesmo nos seus últimos anos: "Se vostede me retira a min da arquitectura, o mundo non sería o que é".

Le Corbusier foi cualificado coma 'Leonardo do século XX' pero tamén coma farsante, coma erudito ou coma charlatán, pretencioso, xenial, iluminado... foi criticado ou loado tanto polas súas obras como polos seus escritos, declaracións ou actitudes; durante toda a súa vida e ata os nosos días. Do que non cabe dúbida é de que non deixa indiferente e deixou algúns dos mitos da historia da arquitectura como a Vila Saboia.

Primeiros Anos

O 6 de outubro de 1887 nace, en La Chaux-de-Fonds no cantón suízo de Neuchâtel, Charles-Edouard Jeanneret-Gris. Este adoptaría o pseudónimo de Le Corbusier en 1920 e firmaría en moitas ocasións simplemente como LC.

O pai de Le Corbusier era gravador de reloxos, igual que o seu avó, e a súa nai era música; ámbolos dous eran de procedencia francesa, nacionalidade que adoptaría Le Corbusier en 1930. A profesión do pai foi determinante para que o mozo Charles-Edouard entrase no 1900 na Escola de Artes e Oficios da súa localidade natal como alumno gravador e cicelador. Nesa escola recibiría a determinante influencia do seu mestre, o pintor Charles L'Eplattenier, apaixonado da pintura e da arquitectura. En 1904 L'Eplattenier chama a Le Corbusier ós Cursos Superiores de Decoración nos que se preparaba a unha serie de alumnos destacados para entrar no mundo dos 'iniciados'. Ante a perspectiva decadente da actividade principal da escola (a decoración de reloxos) o mestre promoveu unha diversificación de contidos dirixida a uns alumnos elixidos, que recibían un programa personalizado que incluía viaxes programadas, realización de prácticas profesionais e publicación de artigos ou traballos de investigación. O mestre L'Eplattenier foi determinante para que Le Corbusier se dedicase á arquitectura; o alumno non tiña unha especial querencia por ela, de feito contaría anos despois que cando o mestre lle comentou que o seu futuro estaba na arquitectura a resposta de Le Corbusier foi: "¡Nunca na vida! Detesto ese oficio''. As inquietudes de LC ían máis polo camiño da pintura, e de feito desenvolvería unha actividade pictórica durante toda a súa vida.

Ó ano seguinte, en 1905, recibirá o seu primeiro encargo para unha vivenda, a casa Fallet, que Le Corbusier resolve dun xeito bastante pobre e convencional (el diría anos máis tarde que era unha casa "probablemente horrible''). Logo de construíla, aproveitando os cartos gañados, en 1907 emprende a súa primeira viaxe importante indo ó norte de Italia, a Budapest e logo a Viena onde queda uns meses traballando con Josef Hoffmann e pode coñece-las ideas renovadoras de Adolf Loos, precursores do Movemento Moderno. En 1908 viaxa de Viena a Nuremberg, Múnic, Nancy é por primeira vez en París onde coñecería a Auguste Perret, outro dos precursores do Movemento Moderno, co que traballou 15 meses; nese período tamén visita a outra figura importante para entende-la arquitectura do Movemento, Tony Garnier.

Logo de deixar a Perret volta á súa vila natal onde contribúe á fundación dos Ateliers d'art reunis, nembargantes xa ó ano seguinte emprende unha nova viaxe a Alemaña para coñece-las experiencias do Werkbund, alí traballará uns meses no estudio de Peter Behrens, no que coincide con Walter Gropius e Mies van der Rohe, tamén coñecerá nese tempo a Tessenov, Dohrn e moitos outros membros da avanzada cultural alemana.

No 1911 viaxa por Europa visitando novamente Viena e Budapest, pero tamén Romanía, Turquía, Grecia e Italia e ó ano seguinte volve a La Chaux-de-Fonds, onde Eplattenier lle pide que imparta algúns cursos na Escola de Artes.

Terraza da famosa Vila Saboia en 1929.

Nestas viaxes que fai por Europa Le Corbusier vai tomando contacto co máis vangardista dos arquitectos da época en Europa, ó mesmo tempo que comezan a entreverse as ideas que farán que sexa célebre.

Resulta moi esclarecedor da conciencia case profética que tiña de si mesmo Le Corbusier na súa mocidade un texto que escribe nunha carta a L'Eplattenier: "Véxome baténdome coa verdade mesma. Ela martirizarame, se cadra, seguramente. Non é a quietude o que hoxe teño en conta, nin o que preparo para o porvir. E se cadra menos aínda o triunfo popular. Pero vivirei -sincero- e das invectivas sentireime feliz''. Un home con tan altas miras coma el non podía permanecer moito tempo no reducido ámbito de La Chaux-de-Fonds e no 1917 instálase definitivamente en París.

Le Corbusier en París. Nace o Movemento Moderno

Le Corbusier tiña experimentado teoricamente coas posibilidades da construcción estandarizada xa en 1914 co proxecto de 'Casas Domino', que se baseaba nunha estructura de formigón armado disposta de xeito estándar para ser construída en serie, algo bastante novidoso na época. Nembargantes os proxectos que construíra eran dun carácter bastante convencional.

Esa situación trócase nun maior compromiso logo do traslado a París; alí comeza a súa tarefa pictórica, expón por primeira vez xunto co pintor Ozenfant en 1918, fai proxectos de enorme interese como as casas Poiret, Monol (1919) e mailos célebres proxectos das casas 'Citrohan'(1920-22) e tamén participa na revista L'Esprit Nouveau onde adopta xa o nome de Le Corbusier sacado dun devanceiro seu.

En 1922 asóciase co seu primo Pierre Jeanneret e comeza a loita por unha nova arquitectura que había se-la expresión do seu tempo e non unha copia da arquitectura pasada. No estudio LC encárgase do deseño, das proclamas e dos manifestos, mentres que Pierre levaba o peso da organización, o cálculo e a revisión pragmática das ideas do seu primo, que sempre exerceu de xefe.

Neses anos Le Corbusier convértese na figura clave do Movemento Moderno, e xunto coa experiencia da Bauhaus en Alemaña van dándolle forma a este Movemento.

Le Corbusier leva a cabo unha tarefa principalmente teórica na que se preocupa pola vivenda económica, pero o que constrúe son unhas poucas vivendas xeralmente custosas, illadas e para clientes de vangarda como a casa Besnos en Vaucreson (1922), a casa-estudio para Ozenfant en París (1922), e La Roche e a Jeanneret en París (1923) e algunhas outras entre as que destaca a Casa Cook (1926). Son todas elas magníficas mostras do estilo de Le Corbusier no que vai ensaiando algunhas das súas ideas, que concretará nunha publicación de 1926 co titulo de Os cinco puntos dunha nova arquitectura.

Os cinco puntos nos que basea Le Corbusier esa nova arquitectura serán, dun xeito resumido, os seguintes:

1· Os 'Pilotis': é dicir, a casa elevada sobre o terreo de xeito que o xardín pase por baixo dela, fuxindo de estancias escuras e húmidas afundidas no chan. 

2· A Terraza-xardín: reclama Le Corbusier que se abandonen os tellados inclinados para usalos como terrazas con céspede, e plantas variadas, incluso árbores, darlle un novo uso á cuberta, apoiándose tamén no mellor comportamento desta solución fronte ás dilatacións sufridas polo formigón sen proteccións.

3· Planta libre: Reclama que a estructura sexa independente da distribución das plantas, e que estas non teñen por que ser iguais unha planta tras outra. Unha idea que xa se vira no traballo de Wright e que impresionara moito ós arquitectos alemáns.

4· A fiestra en lonxitude ('Fenêtre en longueur'): A fiestra como elemento básico das casas pode ir dun extremo a outro das fachadas xa que a estructura é independente.

5· A Fachada libre: Os esteos da estructura atrásanse respecto da fachada sobresaíndo o forxado en beiril de xeito que as fachadas poden ser lixeiras membranas de muros soltos ou fiestras.

Propostas coma esta dos 5 puntos da arquitectura resultan polémicas e revolucionarias, pero non son as únicas que presenta Le Corbusier nesta época, un ano antes, en 1925 no marco da exposición de Artes Decorativas de París presentara o 'Plan Voisin' no que leva ó extremo as ideas ensaiadas tres anos antes nun proxecto urbano ideal para unha cidade de 3 millóns de habitantes, só que nesta ocasión en pleno centro de París; a proposta que fai Le Corbusier consistía en demoler unha ampla zona de París na ribeira dereita, salvando unicamente uns poucos monumentos históricos, e trazar sobre ela un sistema de autoestradas rectilíneas que conectasen os rañaceos e edificios lineais que propón

Esquema de proporcións do Modulor.

O Plan Voisin, primeira proposta concreta de Le Corbusier, foi criticada duramente, pero co paso do tempo pódese apreciar que tivo unha forte influencia no urbanismo sobre todo polo coidado na organización dos diferentes tipos de tráfico (peóns, automóbiles, etc.) a gran presencia de espacios públicos e zonas verdes, etc. Exemplos claros desta influencia son propostas descentralizadoras da propia cidade de París ou o Plan para Toquio de Kenzo Tange. Son anos de moita actividade para Le Corbusier, que está constantemente rodeado da polémica; e esta ten un dos seu máximos expoñentes no concurso do Pazo das Nacións en Xenebra (1927) que gaña ex aequo pero que non constrúe xa que o proxecto se lle confía a uns arquitectos de corte clasicista.

Nese tempo tamén explora as posibilidades dos 5 Puntos da arquitectura en vivendas como a Stein (1927) ou a moi coñecida Vila Saboia en Poissy (1929), sen dúbida a obra máis popular do arquitecto, que tivo unha azarosa existencia na que foi vivenda da nobre familia italiana, cuartel da Xestapo, sufriu o abandono e que agora é un monumento nacional de Francia perfectamente conservado.

No período 1928-30, xunto a grandes traballos coma o Centrosoyus en Saboia ou o Pavillón Suízo en París, Le Corbusier publica varios libros e artigos sobre arquitectura e urbanismo, participa na fundación dos CIAM (Congresos Internacionais de Arquitectura Moderna) e desenvolve unha intensa actividade viaxeira dando conferencias por todo o mundo.

En 1930 nacionalízase francés e casa en Mónaco con Yvonne Gallis. Nos dez anos seguintes fai obras interesantes coma o edificio de apartamentos de Porte Molitor en París (1933), a onde se traslada a vivir, a casa de fin de semana de La Celle-Saint-Cloud preto de París (1935) ou colabora con Costa e Niemeyer no Ministerio de Educación Nacional e Saúde Pública en Río de Xaneiro (1936) pero sobre todo fai numerosas propostas urbanísticas, que non se levan a cabo, para diversos lugares do mundo e proxectos diversos entre os que destacan o do concurso para o Pazo dos Soviets en Mosciva (1931) ou o rañaceos cartesiano (1938).

Neses anos segue viaxando por todo o mundo e dando conferencias nas capitais máis importantes, promovendo o Movemento Moderno por todo o mundo, acadando que este sexa un fenómeno global, algo que non se vira anteriormente na historia da arquitectura e que cobrará toda a súa importancia logo da Segunda Guerra Mundial.

Os Últimos Anos. Crise do Movemento Moderno

No ano 1940 o exército alemán toma París, Le Corbusier trasládase coa súa muller e os seus fillos en compaña do seu primo e socio Pierre Jeanneret ós Pireneos. Nos anos da guerra a actitude de Le Corbusier é relativamente ambigua, non coma o seu primo que forma parte da resistencia, e se ben non se compromete no lado nazi, si lle ofrece a súa colaboración ó goberno de Vichy para a reconstrucción de Francia.

Durante os anos da guerra non constrúe nada nin fai case ningún proxecto, dedica o seu tempo a publicar algúns libros e ó estudio das proporcións humanas no Modulor, unha gama de dimensións harmónicas a escala humana, aplicable á arquitectura e á mecánica, da que Albert Einstein diría en 1946: "É unha gama de dimensións que facilita o bo e dificulta o malo".

Logo da fin da guerra volta a París, é nomeado urbanista xefe da rexión de La Rochelle-La Pallice e firma co Ministerio da Reconstrucción o contrato para edificar unha 'Unité d'habitation' en Marsella.

A Unité dálle por fin a Le Corbusier a oportunidade de facer de xeito convincente a súa idea da célula de vivenda fabricada en serie por procedementos industriais aplicándoa ó gran bloque de vivendas, tivo unha total liberdade para expresa-las súas conviccións sobre o hábitat moderno e no mesmo edificio creou apartamentos axustados ós diversos modos de vida: solteiros, parellas, familias con 2,4,6 fillos e máis. Na Unité de Marsella poderían vivir unhas 1500 persoas, nun edificio que recolle moitas das ideas de Le Corbusier e que inclúe gardería, ximnasio, espacios comerciais e de esparexemento e que aproveita o espacio liberado como zona verde. Logo desta, Le Corbusier, faría outras catro Unités, en Briey-en-Forêt, Meaux, Berlín e Firminy.

Exterior da Capela de Notre Dame du Haut en Ronchamp (1950).

Logo da fin da guerra volta a París, é nomeado urbanista xefe da rexión de La Rochelle-La Pallice e firma co Ministerio da Reconstrucción o contrato para edificar unha 'Unité d'habitation' en Marsella.

A Unité dálle por fin a Le Corbusier a oportunidade de facer de xeito convincente a súa idea da célula de vivenda fabricada en serie por procedementos industriais aplicándoa ó gran bloque de vivendas, tivo unha total liberdade para expresa-las súas conviccións sobre o hábitat moderno e no mesmo edificio creou apartamentos axustados ós diversos modos de vida: solteiros, parellas, familias con 2,4,6 fillos e máis. Na Unité de Marsella poderían vivir unhas 1500 persoas, nun edificio que recolle moitas das ideas de Le Corbusier e que inclúe gardería, ximnasio, espacios comerciais e de esparexemento e que aproveita o espacio liberado como zona verde. Logo desta, Le Corbusier, faría outras catro Unités, en Briey-en-Forêt, Meaux, Berlín e Firminy. En 1949 Le Corbusier realiza a Casa Curruchet en La Plata (Arxentina) e ó ano seguinte dúas significativas obras: unha cabana de vacacións en Cap-Martin para uso propio e da súa muller e o seu primeiro edificio sacro, a Capela de Notre Dame du Haut en Ronchamp, unha capela de peregrinación que lle daría a Le Corbusier unha celebridade que ía máis alá dos medios profesionais. En 1957 faría outra célebre obra sacra, o mosteiro de Santa María de La Tourette con capacidade para 100 monxes dominicos.

Le Corbusier fai nesta época proxectos, que logo constrúen outros arquitectos, coma o da sede das Nacións Unidas en Nova York (1947), o Museo Nacional de Belas Artes de Occidente en Toquio (1957) ou o centro de Artes Visuais da Fundación Carpenter en Cambridge (EEUU) realizado por Josep Lluis Sert en 1961; e outras obras interesantes coma o Pavillón Brasileiro na cidade universitaria de París (1957), pero sen dúbida o traballo máis vasto de Le Corbusier nos 15 derradeiros anos da súa vida desenvólvese na India, concretamente en Chandigarh..

En 1950 Le Corbusier recibiu unha delegación do estado indio do Punjab que o invita a realiza-los planos da nova capital do estado: Chandigarh. Alí tivo LC por primeira vez na súa vida, e xa tiña 63 anos, a posibilidade de poñer en practica as súas ideas urbanísticas.

Le Corbusier elaborou os planos urbanísticos, edificios administrativos e gobernamentais, os pazos da asemblea, de xustiza e do gobernador, o sector central da cidade e mailo centro das artes de Chandigarh. Le Corbusier traballaría nos diversos edificios da cidade de Chandigarh ata a súa morte. Le Corbusier que toda a súa vida se ocupou de pintar e facer esculturas fixo nos seus derradeiros anos tapices, coma os que adornan a asemblea de Chandigarh. Outros dous edificios destacables que deixou Le Corbusier en India son o Pazo da Asociación de Fiandeiros de Ahmedabad (1954) e a casa Shodhan (1956), os dous dunha gran calidade. Nos derradeiros anos da súa vida Le Corbusier recibiu múltiples recoñecementos: Doutor Honoris Causa en Zúric, Medalla ó mérito concedida pola raíña Isabel II de Inglaterra, Medalla de Ouro do Instituto Real de Arquitectos Británicos, Gran Oficial da Lexión de Honra de Francia... Pero tamén viviu para ver como as súas propostas 'modernas' eran levadas á práctica por arquitectos que abusaron das teorías do mestre sen escrúpulos e sen o coidado que este poñía nas súas realizacións.

Le Corbusier viu como escusándose nas súas propostas aparecían hectáreas de urbanismo pretendidamente moderno pero sen atender nin o contorno nin poñer o coidado necesario. Fachadas libres, fenêtres en longeur e pilotis empregados indiscriminadamente ou convertidos en elementos decorativos.

Non se pode dicir que Le Corbusier fose o dirixente desa perversión da arquitectura moderna, pero as súas pretensións de crear un movemento e unha arquitectura 'universal', aplicable a calquera lugar do mundo e as propostas simplistas nas que dicía que os modos de construír que propuña eran 'necesarios' foron aproveitados polos arquitectos e mailos constructores para realizar monstrosos barrios de bloques de vivendas en altura que perverten ideas coma a das Unités, nacidas para ser illas construídas en medio de inmensas zonas verdes e que remataron en simples amoreamentos de pisos uns enfronte dos outros.

Le Corbusier foi o máis influínte arquitecto do século XX e as súas ideas formaron as bases do Movemento Moderno, do que para ben ou para mal xorde a arquitectura que nos toca vivir na actualidade, sen dúbida como el mesmo deixou dito nunha memorable ocasión: "Se vostede me retira a min da arquitectura, o mundo non sería o que é".

Charles-Edouard Jeanneret-Gris, coñecido para sempre na historia da arquitectura como Le Corbusier morreu en Cap Martin logo dunha crise cardíaca mentres se bañaba no mar ás once da mañá do día vintesete de agosto do ano de 1965. Pero o mito segue aínda vivo nos seus sucesores.

Anxo Sánchez González