Anxo Sánchez González, arquitecto

Walter Gropius e a Bauhaus de Weimar: comeza a era da arquitectura moderna

Publicado en O Correo Galego el 5 de junio de 2000

Walter Gropius.

ARQUITECTURA. Na serie que realiza para DESCUBRIR Ángel Sánchez sobre os máis destacados arquitectos do século XX, esta semana tócalle a vez a Walter Gropius, unha figura relevante no asentamento das bases da modernidade nesta arte e impulsor decidido da Bauhaus. Esta escola naceu en Weimar trala Gran Guerra como fusión das escolas de Belas Artes e de Artes Aplicadas. O Movemento Moderno formarase, efectivamente, a través dunha multiplicidade de achegas, nembargantes o caso da Bauhaus é significativo e salientable no seu conxunto, tanto polas propostas realizadas como pola cantitade de figuras que, dunha ou doutra maneira, estiveron relacionadas con ela. Nese marco, a vida e obra de Gropius toman novas dimensións, que se analizan de seguido. 

"Formamos un novo gremio de artesáns, pero sen distincións de clase que erguen unha barreira arrogante entre o artesán e mailo artista. Concibamos e creamos xuntos o novo edificio do futuro, que abranguerá arquitectura, escultura e pintura nunha unidade e que un día se erguerá cara ó ceo dende as mans de millóns de traballadores, coma o símbolo cristalino dunha nova fe que está nacendo." Proclamación da Bauhaus de Weimar, 1919 

Alma máter da escola da Bauhaus, un dos centros onde nace o Movemento Moderno como tal, mestre da arquitectura do estilo internacional, profesor de arquitectura en Harvard e fundador do grupo TAC, Walter Gropius é unha das figuras clave para poder entende-la arquitectura do século XX.

O que chegaría a se-lo Movemento Moderno ten nos seus inicios dúas experiencias innovadoras de moita importancia: a obra de Le Corbusier e maila obra didáctica de Gropius e dos seus colaboradores na Bauhaus. Nembargantes a importancia de Gropius non se limita á súa tarefa nesa escola, tamén desempeña un labor de difusión internacional da nova arquitectura, principalmente en Gran Bretaña e nos Estados Unidos.

Inicios

Walter Adolf Georg Gropius nace en Berlín o 18 de maio de 1883, fillo dun acomodado arquitecto e funcionario, no seo dunha familia numerosa, procedente do Braunschweig.

Walter Gropius estudiará arquitectura en Múnic (1903-05) e en Berlín (1905-07), e despois de visitar España, Italia, Francia, Inglaterra e Dinamarca en viaxes de estudios chega a se-lo primeiro asistente do estudio do arquitecto Peter Behrens.

O estudio de Peter Behrens non era un estudio calquera, Behrens era un dos arquitectos máis importantes do momento en Alemaña, pintor, arquitecto, director da Academia de Arte de Düseldorf e asesor artístico de toda a industria da multinacional AEG, Behrens anticipa na súa arquitectura vangardista algúns dos elementos da arquitectura moderna, moi especialmente a disciplina de busca racional das solucións. Nese importante estudio traballan no 1908, ademais de Gropius, figuras coma Mies van der Rohe, Adolf Meyer, Karl Fieger e por pouco tempo Le Corbusier.

No ano 1910 coñece a Alma Mahler, esposa do compositor Gustav Mahler que morrería ó ano seguinte, que sería a súa muller e coa que mantería unha relación de amor en ocasións crispado, dado o carácter extremadamente liberal dela. Nese ano na realización do proxecto dunha casa xorden diferencias no estudio de Peter Behrens e a situación desemboca na saída do estudio de Gropius e Meyer, que crearán conxuntamente unha serie de obras.

Fabrica de Formas para Zapatos Fagus (1911).

O primeiro proxecto conxunto con Meyer que fai é a Fabrica de Formas para Zapatos Fagus (1911). Esta obra está feita dende un estricto racionalismo arquitectónico e adquire de inmediato unha extraordinaria importancia. A fama que lle dá este proxecto, xunto co recoñecemento de arquitectos importantes dálle a Gropius unha posición importante entre os arquitectos do Deutsche Werkbund, unha asociación de artistas e empresas que buscaba unha racionalización da producción, afastándose do modo artesán clásico de producción; o Werkbund promovía numerosas colaboracións entre arquitectos e empresas.

Logo da fábrica Fagus, Gropius fai decoración para a exposición de Amberes, un deseño dunha máquina de tren, diversos deseños de mobiliario, almacéns, varias vivendas e unha fábrica; e no 1914 recibe o encargo do outro edificio importante da súa producción anterior á Gran Guerra: unha fábrica modelo para a exposición do Deutsche Werkbund en Colonia, e tamén presentaría nesta exposición o deseño dun coche-cama, o pavillón dos motores da firma Deutz, e dous traballos de mobiliario e decoración.

Mais a producción arquitectónica de Gropius e Meyer vese paralizada, o mesmo que a de moitos outros, pola I Guerra Mundial. Gropius partina guerra como oficial dos Húsares entre 1914 e 1918. Logo de rematar a guerra Gropius e Meyer volven á súa colaboración profesional, esta vez en Weimar.

A BAUHAUS

Logo da guerra, nace en Weimar a escola da Bauhaus coma fusión das escolas de Belas Artes e de Artes Aplicadas, e a dirección desta nova institución encárgaselle a Gropius. O Movemento Moderno fórmase a través dunha multiplicidade de achegas, nembargantes o caso da Bauhaus é significativo non só porque dela saísen algúns dos mestres do movemento senón tamén porque serviu para poñer en contacto persoeiros do mundo creativo da modernidade de diversos ámbitos, facendo que acadasen unha conciencia de grupo e unha coherencia de resultados moi difícil de obter doutro xeito.

Pola escola pasarán como profesores artistas de todo tipo tan importantes no futuro coma Itten, Paul Klee, Wassily Kandinsky, Moholy-Nagy, Van Doesburg, Breuer ou Mies.

Os arredor de 250 alumnos recibían unha ensinanza teórica e práctica en estreito contacto coa realidade do traballo e da industria, por parte de bos mestres creadores, xa que os profesores seguían co seu traballo, o que producía un ambiente creativo esencial para os principios da escola. Na Bauhaus organízanse exposicións de proxectos, de pintura, escenografías diversas, concertos, etc.

Nembargantes a situación económica da Alemaña de posguerra é mala e non é doado que a escola reciba encargos por parte da industria nos seus primeiros anos, e o mesmo Gropius non constrúe ata 1921 a casa Sommerfeld, o seu primeiro proxecto da posguerra, e ten que facela coa madeira obtida de desmantelar un vello barco dada a escaseza de materiais de construcción.

Nos proxectos dese tempo destaca o presentado por Gropius e Meyer para a sede do xornal The Chicago Tribune (1922), que pese a non gañar amosa xa unha madurez no seu estilo; do mesmo xeito no despacho de Gropius na Bauhaus pódese observa-lo espírito racionalista que marcará o movemento.

No 1924 a situación económica mellora considerablemente e a Bauhaus comeza a recibir máis encargos, por outra parte a resonancia internacional do movemento aumenta; nembargantes, tamén hai críticas ó camiño da Bauhaus.

A dereita alemana acusa a Bauhaus de subversiva, de non ter en conta a herdanza histórica e de ataca-lo bo gusto, mentres que a esquerda lle pide máis compromiso. Gropius tenta mante-la escola nunha difícil neutralidade. Coa victoria nas eleccións da dereita hostil a Bauhaus as autoridades imposibilitan o labor da escola de xeito tal que a finais de 1924 ten que pechar.

Bauhaus en Dessau.

En 1925, por iniciativa do alcalde a cidade de Dessau acolle a Gropius e mailos profesores da Bauhaus, propiciando unha refundación dela. Gropius trasládase a Dessau, mentres que Adolf Meyer decide quedar en Weimar, deixando así a colaboración que tiñan dende que os dosu abandonaran o estudio de Behrens. O último proxecto conxunto que fan é unha ampliación da fábrica Fagus, a mesma do seu primeiro proxecto conxunto.

En Dessau a Bauhaus ten que centrarse nunha importante tarefa concreta, a construcción dos edificios da escola. Gropius recibe o encargo de proxecta-la sede da escola, as vivendas dos mestres, un barrio de vivendas obreiras e maila oficina do traballo.

Gropius só se reserva para si o proxecto do edificio da escola, que é posiblemente a obra máis representativa da súa producción como arquitecto, un edificio puro e íntegro que acolle a complexidade do programa de uso dun xeito sereno e elegante. Na súa nova sede de Dessau a Bauhaus a escola ten como directores dos talleres a antigos alumnos e decanta a súa producción cara a unha maior simplicidade e racionalización en tódolos ámbitos. Fanse novidosos deseños de lámpadas, os primeiros mobles en tubo de aceiro, novos tipos de letra...

Moitos dos deseños da Bauhaus son mercados pola industria e os contratos das patentes asegúranlle á escola unha estabilidade económica e unha crecente fama.

A figura do arquitecto que promove a Bauhaus é o creador que se ocupa dende a palanificación urbana ata os elementos máis pequenos do mobiliario, pasando por todo o amplo espectro da producción arquitectónica; e sempre dende un preciso coñecemento dos sistemas productivos da industria.

En febreiro de 1928 en plena madurez da Bauhaus, aínda que tamén nun momento de aumento da reacción en contra da escola por parte da dereita, Walter Gropius abandona a dirección da Bauhaus para dedicarlles máis tempo ós seus proxectos coma arquitecto.

A Gropius sucederíao no posto de director Hannes Meyer, quen paradoxalmente, dado o clima contrario da dereita cara á escola orientou esta máis cara á esquerda política, ata que unha implacable campaña en contra obrigou ó alcalde a pedi-la dimisión de H. Meyer en 1930. Os nazis esixiron tamén a marxinación dos marxistas, a expulsión dos liberais coas súas obras decadentes, o peche da escola e que se rematase a súa cuberta cun tellado inclinado ario.

Nun intento desesperado de ampara-la escola, o alcalde nomeou coma director da mesma á figura patriarcal de Mies van der Rohe, mais só dous anos máis tarde a Bauhaus tivo que ser trasladada a uns almacéns en Berlín e alí só durou nove meses, ata que se viu obrigada a pechar polo triunfo do partido nazi.

TRALA BAUHAUS

No mesmo ano no que Gropius deixa a dirección da escola da Bauhaus fúndanse os CIAM (Congresos Internacionais para a Arquitectura Moderna), o Movemento Moderno é xa unha corrente importante e nos sucesivos CIAM debaterase sobre o tamén chamado Estilo Internacional.

O segundo CIAM celébrase en Frankfurt no 1929, Gropius é o seu vicepresidente.

O traballo de Gropius, que se traslada a Berlín, caracterizase ata 1933 pola súa preocupación polo urbanismo da gran cidade, ó tempo que realiza diversos proxectos, principalmente vivendas unifamiliares.

En 1934 logo do triunfo do partido nazi e da condena oficial ós arquitectos da época Weimariana, Gropius emigra a Inglaterra. O camiño da emigración foi tomado por boa parte dos arquitectos do movemento que quedaban en Alemaña, xa que o réxime nazi, como adoita suceder con tódolos réximes autoritarios, impón unha arquitectura neoclasicista, moi afastada do xeito de construír dos arquitectos do Movemento Moderno.

Cando en 1934 Yorke fixera o capitulo inglés da súa obra Modern House tivera dificultades para atopar exemplos de arquitectura racionalista, nembargantes só dous anos despois a colaboración de arquitectos "modernos'' chegados de Europa coma Gropius Mendelsohn ou Breuer favorecendo un desenvolvemento fabuloso do estilo internacional nas illas faría que os exemplos de arquitectura do novo estilo fosen numerosos.

En Inglaterra Gropius asóciase co arquitecto Maxwell Fry, co que realiza diversos proxectos, entre os que destacan a casa Levy en Londres e o Village-College en Impington, ámbalas dúas de 1936.

En 1937 Gropius recibe a cátedra de arquitectura na Universidade de Harvard, xunto con el tamén se traslada ós Estados Unidos Marcel Breuer, co que se asocia profesionalmente.

O primeiro proxecto que ámbolos dous realizan en terras americanas será a casa do propio Gropius en Lincoln (Massachusetts), ó ano seguinte farían a casa de Breuer, na mesma localidade.

A colaboración con Breuer dura ata 1941 e materialouse en diversas vivendas nas que se pon un especial coidado na inserción das casas na paisaxe. A contribución de Breuer nótase nalgunhas extravagancias e gratuidades dalgúns proxectos, que adaptan o estilo internacional ó gusto americano.

Logo da súa separación con Breuer e durante os anos da Segunda Guerra Mundial Gropius investiga problemas de prefabricación e pensa solucións a problemas urbanísticos, nembargantes os anos que dura a guerra non constrúe nada, non é o momento máis apropiado.

En decembro de 1945 funda xunto con outros arquitectos , antigos alumnos seus en Harvard, o grupo TAC (The Architects Collaborative) unha sorte de estudio colectivo no que os socios elixen quén se encarga da dirección do traballo en cada proxecto. Se nun principio a influencia de Gropius no Grupo é moi importante, co paso do tempo esta influencia será cada vez menos decisiva nos deseños dirixidos por outros membros do grupo.

Do traballo de Gropius no TAC, que inclúe vivendas, colexios, oficinas, edificios públicos ou fabricas pódense destacar o Harvard Graduate Center (1949), con dormitorios para case 600 estudiantes; a embaixada dos Estados Unidos en Atenas (1956-61), as Oficinas Federais John Fitzgerald Kennedy en Boston (1961), o moi controvertido edificio da Pan American Airwais en Nova Iorque (1958-63), considerado unha tolemia urbanística.

Os anos nos que Gropius traballa co TAC son tamén anos de recoñecementos internacionais, premios e homenaxes dos que recoñecen nel un dos mestres do Estilo Internacional, un estilo que non tería a importancia clave na arquitectura do século XX da que gozou se non fose pola existencia de arquitectos coma el e sobre todo sen o pulo dado pola Bauhaus á súa difusión.

Finalmente, ós 86 anos de idade, Walter Gropius morre o 6 de xuño de 1969 mentres durmía. Por expreso desexo seu, no enterro non houbo loito e celebrouse unha festa na que os seus amigos se reuniron para "beber e rir nunha festa Bauhaus".

Anxo Sánchez González