ARQUITECTURA. . Luis Barragán acadou cun feixe de pequenas obras un recoñecemento internacional que fixo que fose a segunda persoa en recibir, en 1980, o Premio Prizker (o Nobel da Arquitectura) "polo seu compromiso ca arquitectura como acto sublime da imaxinación poética''. Luis Barragán é o arquitecto máis coñecido que México achegou ó mundo. Foi un arquitecto sensible, case místico, que fixándose na tradición, nos sentimentos e nunha sensible análise das cores, da luz e da natureza realizou algunhas edificacións realmente emocionantes. Os proxectos de Barragán poderíanse considerar minimalistas se non fose pola suntuosidade do uso que fai das cores, das texturas, da madeira, do estucado, do adobe, da auga... Ángel Sánchez aborda a súa traxectoria na seguinte reportaxe.
“É moi importante para a humanidade que a arquitectura conmova pola súa beleza” Luís Barragán
Barragán foi un arquitecto que se foi afastando do Movemento Moderno, amosando un camiño totalmente válido e profundamente ligado ó medio, á sociedade e ó tempo no que lle tocou vivir.
Nenez e xuventude
Luis Barragán Morfín naceu, en 1902, na cidade mexicana de Guadalaxara (Xalisco) como terceiro de nove irmáns, no seo dunha acomodada e aristocrática familia. O pequeno Luis pasou a súa infancia e adolescencia no gran rancho que a familia tiña en Mazamitla (Michoacan), unha rexión coñecida pola súa bela arquitectura tradicional, da que Barragán recordará: "A arquitectura sen pretensións das aldeas e das cidades de provincia, as paredes caleadas, a paz dos patios e das hortas, as rúas cheas de cor, a humilde maxestade das prazas circundadas pola sombra dos pórticos'', elementos todos que terían influencia na súa obra. Na cidade de Guadalaxara, ós 18 anos, comezaría os estudios na Escola Libre de Enxeñeiros, unha escola que formaba enxeñeiros agrícolas ou hidráulicos, destinados a realiza-las infraestructuras agrícolas precisas na rexión.
Na escola, Luis Barragán, escolle o aspecto hidráulico como especialidade, seguramente influído pola natureza da explotación agrícola familiar, aínda que a vida o levaría por camiños distintos a auga estaría sempre presente na súa obra. Barragán diría: "A arquitectura é música que se toca coa auga".
Unhas poucas materias suplementarias, pouco máis de catro clases, permitíanlle acadar o título de arquitecto; Barragán cursou esas materias e elaborou un Proxecto de Fin de Carreira, nembargantes os trámites non se remataron, porque acabado de titular de enxeñeiro parte de viaxe a Europa, e o título quedou pendente.
VIAXE A EUROPA - PRIMEIRAS OBRAS
En 1924, en premio á súa titulación, o pai de Luis Barragán decide obsequialo cunha longa viaxe de pracer a Europa que completase as súas experiencias e lle dese unha visión do vello mundo.
Amais de coñecer a cidade de México, de camiño a Veracruz, onde se embarca. Barragán viaxa por Europa durante un par de anos, coñecendo as vilas italianas, España, onde o impresiona o Xeneralife de Granada, e Francia, onde ten coñecemento da obra e mailos textos sobre paisaxismo de Ferdinand Bac, individuo singular da Belle Epoque, que escribira un par de obras que influirían fondamente en Barragán.
Cando volve a México traballa algún tempo no despacho do seu irmán Xan Xosé, tamén enxeñeiro, co que colaboraría en diversas obras. A súa primeira obra importante é a reforma da casa Robles León (1927), nos dous anos seguintes fai unha decena de casas, en Guadalaxara, entre as que destacan especialmente a González Luna (1929), na que xa se aprecian boa parte dos elementos que caracterizarían a arquitectura de Barragán; e tamén é interesante a casa Cristo (1929), que pese a ter un certo aspecto de pastiche explora cunha certa intención o uso dos contrastes de cor e do traballo das texturas dos muros.
En 1930 morre o seu pai e ten que dedicarse á administración dos negocios familiares e planifica detidamente unha nova viaxe por Europa.
A mediados de 1931 parte rumbo a Europa, vía Nova York, en Europa viaxa á costa azul francesa, onde vive Ferdinand Bac, co que se entrevista. Bac mostroulle o entendemento entre construcción e natureza, e como rochas, auga, horizonte... eran decisivos no deseño. Pasa tamén un tempo en París, onde asiste a algunhas das conferencias de Le Corbusier, que xa é un arquitecto coñecido nesa época. Barragán pasaría en total case un ano en Europa, visitando varios países; retorna finalmente a México en 1932, alí decide reforma-la casa familiar, nesta obra, libre de trabas por ser unha casa da súa propiedade, tenta reduci-los elementos á mínima abstracción, tamén limpa a casa das eclécticas ornamentacións que tiña, emparentándoa coas típicas construccións rancheiras; feito que aparece por primeira vez na súa obra pero que a partir deste intre sería recorrente na súa producción.
Entre 1934 e 1935 Barragán traballa nunha serie de vivendas unifamiliares nos arredores do Parque da Revolución, que tamén proxecta; apréciase unha busca progresiva do esencial, facendo unha arquitectura máis elemental, máis pura. No parque achegase ós presupostos do Movemento Moderno, pero sen abandona-las súas preocupacións e influencias populares.
O estudio das arquitecturas populares lévao a dicir, anos máis tarde: "Na arquitectura popular dos pobos de calquera parte do mundo ollamos que é sempre bela e que resolve o problema da vida comunitaria. O interesante sería analizar en qué consistiron esas solucións tan boas. Para poder darlle, na vida contemporánea, ó ser humano eses doses de sabor que lle eviten a anguria das cidades modernas''. Sen dúbida, Barragán estaba analizando pouco a pouco esas solucións.
México D.F. - No Movemento Moderno
A reforma agraria levada a cabo no país trala revolución supuxo un grave descalabro na fortuna da familia Barragán, o arquitecto atende como pode a liquidación dos terreos paternos e abandona Guadalaxara, en forte crise económica, para buscar fortuna na cidade de México, en plena bonanza económica, a onde se traslada en 1936. Barragán establecería definitivamente o seu estudio na capital pero seguiría ligado a Xalisco a través das súas amizades, algúns proxectos e mailos seus recordos.
As primeiras obras de Barragán na capital están feitas no estilo internacional, que naquel tempo era moi popular en México. Desenvolve un traballo dominado pola simplicidade, vangardista e de calidade, que se aprecia en obras como as casas fronte ó Parque México (1936).
No período 1936-40 traballa en colaboración co arquitecto José Creixell en diversos edificios da colonia Cuauhtémoc, emprendendo unha actividade promotora na que non vende unicamente os proxectos, senón que tamén especula cos terreos, Barragán revélase como un bo empresario amais de coma un activo arquitecto, xa que neses catro anos se construíron máis de trinta proxectos seus.
As obras de Barragán nesta época están claramente influenciadas polo Movemento Moderno, se o arquitecto quedara nesta etapa atrapado pola forza do estilo internacional posiblemente non pasaría á historia da arquitectura; pero afortunadamente volveu a retomar o estilo derivado da tradición que ensaiara nos seus traballos en Xalisco.
Independencia Creativa
En 1940 realiza a vivenda para o seu cuñado Alfredo en Chapala (Xalisco) onde o arquitecto tería no futuro unha habitación reservada para o seu exclusivo uso. Na casa de Alfredo Vázquez e Luz Barragán, coñecida como Casa del Mago Vázquez, Luis Barragán amosa xa o explendor da súa obra. Pódese apreciar nesta casa o coidado exquisito nos xardíns, moi influenciados polas experiencias de Bac, aparece a auga como elemento arquitectónico importante e experimenta novamente de xeito rotundo o uso das cores que tiña algo abandonadas na súa etapa moderna.
Nesa época, farto do trato cos clientes, Luis Barragán anuncia a súa retirada da práctica pública da profesión, a partir deste intre, salvo algunhas excepcións, só fará proxectos nos que el sexa o cliente.
Merca un terreo preto da cidade de México en Tacubaia onde realizou uns xardíns, xa coa liberdade de ser o seu propio xefe, logo vendería a meirande parte deles, quedando con un que entraría a formar parte da súa casa (1940) nela Barragán traballa con madeira lisa, coa potencia dos muros, tamiza a luz, amais de seguir desenvolvendo os temas da casa do Mago. Esta casa venderíaa, pasando a chamarse Casa Ortega polo seu dono, un prateiro de Taxco, pero Barragán construiría a súa nova casa ó carón da Ortega en 1947. Na súa segunda e definitiva casa en Tacubaia atópase todo o repertorio que define a arquitectura de Barragán,espacios en dobre e triple altura, unha coidada relación coa natureza, espacios recollidos e amables e a sensación de que alí pode vivirse sosegadamente. Pero antes da súa segunda casa en Tacubaia, Barragán embárcase no proxecto de El Pedregal nun terreo ermo ó sur de México D.F. no que só había pedras, escorpións, lava e certa vexetación menor, pero variada; alí merca o arquitecto, xunto cun par de socios, un terreo de tres millóns de metros cadrados que transformará en casas e xardíns, poñendo en práctica o mellor da súa arte, como se pode apreciar nos xardíns (1945-50) ou na excelente casa Prieto (1948-49), de aspecto exterior hermético e de interiores luminosos abertos á natureza do xardín.
Obras Mestras
En 1952 viaxa a Europa e Marrocos, no país africano queda moi impresionado: "É o que atopei máis ligado á paisaxe, máis ligado á xente que o vive, a súa roupa, á atmosfera, inclusive máis ligado ás súas propias danzas, á súa familia".
Á volta desa viaxe comeza outra importante obra, o convento para as Capuchinas Sacramentarias de Tlalpan (1952-55). Nese edificio o carácter relixioso, a inclinación mística e maila súa querencia pola austeridade conxúganse perfectamente nun edificio no que o coidado pola penetración e percepción da luz ó longo do día é sublime. A decoración resólvese con celosías para traballa-la luz e cuns poucos elementos, case indispensables, un estanque no patio, algunhas cruces e bancos e moito, moito colorido.
O ano no que remata o convento de Tlalpan, Barragán comeza a que é a súa mellor obra da década, e unha das obras mestras que este arquitecto nos deixou, a Casa Gálvez (1955-56).
O señor Antonio Gálvez coñece a casa do arquitecto e pídelle que lle faga unha para el. Barragán faille unha casa que ten moitas similitudes coa súa, pero o resultado é moito mellor, acada uns ambientes moito máis luminosos, coloridos, sensuais. Nesta casa apréciase en toda a súa forza a influencia das edificacións que Barragán vira na viaxe a Marrocos.
Na casa Gálvez o manexo da gradación de espacios é excelente, a casa reborda colorido, a auga, no estanque fronte ó salón protexe a intimidade dun interior que resulta magnífico.
Pasaría unha década ata que Barragán faga unha obra equiparable á casa Gálvez, pero segue facendo obras de calidade como a Capilla del Calvario en Guadalaxara (1955-57) ou Las Arboledas (1957-62) uns xardíns deseñados para o desfrute da hípica, o mesmo que Los Clubs (1963-64) onde se atopa a lograda Fuente de los Amantes.
En 1967 Barragán, en colaboración co seu discípulo Andrés Casillas, fai outra obra mestra, as Cortes de San Cristobal e a Casa Egerstom (1967-68) é a primeira casa que fai dende a Gálvez e novamente o resultado é excelente. Nas cabaleirizas e na casa, Barragán leva o uso da auga como elemento arquitectónico, xunto cos muros de cores é mellor resultado da súa carreira; hai muros perforados, cortados, cegos, muros que non se tocan para que pase a luz, espacios luminosos nos que basicamente só con muros e auga logra a mestría deste traballo dun arquitecto maduro e xenial, que usaba os muros con mestría e renegando plenamente dos Modernos, como fora el mesmo anos antes, que substituían o abrigo deles pola intemperie das grandes fiestras.
Nos anos que lle quedaban so construíu cinco proxectos, todos en colaboración, pero aínda tivo tempo de facer outra obra xenial, a Casa Gilardi (1976), a que se considera o seu testamento arquitectónico xa que nela están reflectidas tódalas súas preocupacións arquitectónicas, o manexo das cores, as texturas, a luz natural, os seus reflexos e refracción na auga, as dobres alturas e a secuencia de espacios. É unha obra que nos confirma a Barragán como un dos mestres da arquitectura do século XX.
Dous anos despois faría a Casa Meyer (1978), a súa derradeira obra, un traballo de menor calidade e que amosa a decadencia na que se atopaba o arquitecto, aínda que sen embargo mantén algúns dos seus elementos máis característicos.
Os derradeiros anos de Barragán estiveron marcados pola enfermidade de Parkinson, que xa o afectaba cando proxectara a Casa Gilardi; neses anos unicamente puido recibi-lo recoñecemento á súa orixinal obra, entre eles o máis importante, o Premio Prizker en 1980, pola súa paixón polo seu traballo e a dedicación que ó longo da vida ofreceu á arquitectura. A enfermidade foino minando progresivamente, de vagar pero inexorablemente deixándoo sen fala e nunha cadeira con rodas ata que morre na súa casa de México Distrito Federal o día vintetrés de novembro do ano de 1988.
Ó día seguinte foi trasladado a Guadalaxara, onde foi o enterro. A comitiva fúnebre non foi moi numerosa e a cidade quedou indiferente trala morte do seu máis recoñecido arquitecto, un mestre que dignificou realmente os muros, que trouxo as cores á arquitectura do século vinte e que tentou, conseguíndoo, que a arquitectura emocionase.
Anxo Sánchez González