O RONSEL DOS XENIOS. Ludwig Michael Mies naceu en Aachen Aix la Chapelle o 27 de marzo de 1886, en pleno esplendor da era industrial, nunha familia modesta. Poucos anos despois converteuse nun dos grandes xenios da arquitectura mundial. No ano 1929 realizará unha das obras clave do Movemento Moderno, o encargo de realizar un pavillón para a exposición de Barcelona. O pavillón só tiña a función de ser elegante, representativo e acoller a firma de honor de Alfonso XIII. No Pavillón Alemán na exposición de Barcelona, popularmente coñecido como 'Pavillón Barcelona' Mies amosa dun golpe e na súa pureza máis absoluta o que son a 'planta libre' e a continuidade espacial.
A verdadeira arquitectura é unha arte obxectiva e debe rexerse polo espírito da época en que se desenvolve. Ludwig Mies van der Rohe
Mediante unha estructura rigorosa e inmutable, do estudio das proporcións e dunha estricta sinceridade constructiva, Mies van der Rohe acadou un posto fundamental entre os mestres da arquitectura do século XX. Mies acadou unha fama internacional polo seu deseño de rañaceos de vidro. As súas obras, principalmente o Pavillón Barcelona (1928-29) e mailo edificio Seagram en Nova York (1954-58) exercerían unha grande influencia na arquitectura do Movemento Moderno.
Maria Ludwig Michael Mies naceu en Aachen (Aix la Chapelle), Alemaña o 27 de marzo de 1886, en pleno esplendor da era industrial, nunha familia modesta. O pai de Ludwig, Michael Mies, era o propietario dunha pequena marmorería e mestre albanel e a situación económica da familia non era suficientemente boa como para darlle unha ampla educación a ningún dos catro fillos que sobreviviron á nenez. Michael Mies era un pai autoritario, moi no estilo da época, e baseaba a súa relación cos seus fillos na disciplina e no traballo; e o mozo Ludwig tiña pois que traballar no negocio familiar cando saía da escola catedralicia na que cursou dende os seis ós trece anos. Nese traballo Mies aprendeu as propiedades da pedra e o valor dos materiais e da man de obra de calidade. Ós trece anos Mies deixa a escola catedralicia para asistir á escola profesional, ó mesmo tempo que traballaba coma aprendiz de albanel sen recibir salario ningún, como era costume na época. Como a familia precisaba dos cartos, ós 15 anos Mies entrou a traballar nunha empresa especializada en escaiolas decorativas, alí desenvolveu o seu talento para debuxar á man
Non semellaba que o mozo Mies fose polo camiño propio do xenio da arquitectura que chegou a ser, nembargantes o seu traballo na empresa de escaiolas permitiulle estar en contacto cos arquitectos locais e así foi como entrou de delineante no estudio dun arquitecto, logo de pasar por varios estudios trasladouse a Berlín ós 19 anos, onde continuou traballando para outros arquitectos ata que ós 21 anos recibiu o seu primeiro encargo independente, a casa Riehl, que resolve dun xeito convencional dentro do estilo das vivendas da zona, aínda que xa amosa unha gran preocupación polas proporcións e mailo detalle.
Entre 1908 e 1911 Mies traballa no estudio de Peter Behrens, un dos máis importantes de Europa naquela época, primeiro ás ordes do axudante de Behrens, Walter Gropius, e despois baixo a dirección do arquitecto. Pese a que a relación con Behrens foi tensa en máis dunha ocasión, Mies veríase influenciado polo xeito de traballar do arquitecto e tamén pola obra de Karl Friedrich Schinkel, máximo representante do neoclasicismo alemán. Nos anos anteriores á Gran Guerra, Mies deseña numerosas vivendas para a clase media-alta, nun estilo aínda neoclásico pero no que comeza a rexeitar as formas e detalles dese estilo.
Outra das influencias importantes en Mies é a que exercería a obra de Frank Lloyd Wright. No 1910 organizouse en Berlín unha exposición sobre a obra do arquitecto americano (principalmente o seu traballo en Oak Park). Esta exposición merecería, anos despois, comentarios de Mies coma: "diante nosa tiñamos, por fin, un constructor que bebía das verdadeiras fontes da arquitectura'' ou "por fin florecía a arquitectura xenuína''. A influencia das ideas de apertura espacial de Wright apreciaranse progresivamente nos proxectos de Mies.
En 1912 Mies establece o seu estudio de arquitecto en Berlín, onde permanecería ata 1937. No 1913 casa con Adele Auguste Bruhn, filla dun rico industrial, á que coñecera dous anos antes nunha festa organizada na casa Riehl, a do seu primeiro encargo.
Pouco tempo despois Ludwig Mies modificou o seu nome, adoptando unha variante do apelido de solteira da súa nai, Rohe, converténdose en Ludwig Mies van der Rohe. O motivo deste pretencioso troco é que mies en alemán significa "pobre, malo, desanimado ou mamarracho'', e Mies non desexaba que a súa carreira se identificase cun nome de connotacións tan pouco afortunadas, de todos os xeitos sempre o coñeceran simplemente por Mies, e a súa arquitectura sería sinónimo de elegancia e precisión mais alá do significado do seu nome. PRIMEIRAS OBRAS Cando se estudia a obra de Mies, normalmente, óbvianse os seus proxectos anteriores á I Guerra Mundial, coma as casas Perls (1911), Kröler (1912) ou Urbig (1914), de connotacións neoclásicas, e non se lles presta unha especial atención a obras como as súas casas en ladrillo Wolf (1925-26), Lange (1928) ou Esters (1928). Este esquecemento de parte da súa obra débese á singular importancia dalgúns dos seus proxectos teóricos deses anos, que sinalan xa o camiño que seguiría no futuro.
Despois da Gran Guerra, Mies toma parte nas polémicas artísticas e sociais berlinesas, dirixe a revista G e traballa cun grupo de artistas denominado Grupo Novembro; para as exposicións deste grupo prepara unha serie de proxectos teóricos: dous rañaceos en vidro (1919 e 1922), un edificio de oficinas en formigón armado e dúas vivendas baixas en formigón e ladrillo. Son traballos simplemente bosquexados, simples perspectivas, bosquexos de posibles plantas e algunha maqueta, e a través deles pódese ver o que será a súa arquitectura no futuro, mais non de inmediato senón no que fará anos despois. Supoñen unha experimentación teórica e persoal.
Comeza a preocuparse polo sentido da arquitectura da súa época, unha preocupación que xa non o abandonará. En 1924 escribe: "A arquitectura é a vontade da época traducida a espacio. Ata que esta verdade se recoñeza claramente a nova arquitectura será insegura".
As casas de ladrillo que constrúe nos anos vinte xa non son clasicistas, pero aínda teñen distribucións convencionais e ríxidas, só no edificio que realiza na periferia de Stuttgart con motivo da segunda exposición do Werkbund en 1927, Mies ten ocasión de ensaiar algúns dos temas que lle preocupaban; alí a estructura de aceiro permitía que cada inquilino puidese modificar a distribución da vivenda.
Por esa época (1927-28) Mies sepárase da súa muller e mantén unha relación amorosa con Lilly Reich, a única muller coa que mantivo unha relación profesional de traballo. Lilly animou a Mies a utilizar texturas e cores nos seus deseños de mobles e interiores.
O PAVILLÓN BARCELONA DE 1929
E de súpeto, en 1929, Mies realiza unha das obras clave do Movemento Moderno. Coma vicepresidente do Werkbund, Mies recibe directamente o encargo de realizar un pavillón para a exposición internacional de Barcelona. O pavillón só tiña como función ser elegante, representativo e acoller a firma de honor do rei Alfonso XIII, ademais existía unha abundancia de medios que lle permitía utilizar os mellores materiais.
No Pavillón Alemán na exposición de Barcelona, popularmente coñecido como 'Pavillón Barcelona' Mies amosa dun golpe e na súa pureza máis absoluta o que son a planta libre e a continuidade espacial, dúas ideas básicas para entender a arquitectura do Movemento Moderno.
A planta libre articúlase a base de facer muros exentos, que non rematan onde o fai o teito, un teito que se sostén por uns piares exentos, unha modulación interior/exterior libre, que non se apoia neses piares. Todo esto fai que non exista unha clara diferencia entre interior e exterior, que todo dependa das sensacións, hai espacios que se senten coma interiores, pero que están no exterior, espacios exteriores no interior... O teito, as paredes, o chan non conteñen espacios, simplemente defínenos.
E todo eso realizado cos mellores materiais; Mies realiza un edificio con mármore travertino, mármore verde, ónice dourado de cor mel, aceiro inoxidable e grandes planos de vidro. Amais diso Mies deseña o mobiliario interior do pavillón, no que destaca a coñecida Cadeira Barcelona, e coloca ese mobiliario con total precisión, o edificio non se entende do mesmo xeito sen esa disposición do mobiliario.
Logo da exposición o goberno alemán tentou vender o edificio, que non foi recoñecido como merecía ata anos despois, mais sen éxito polo que foi desmantelado en 1930. O concello de Barcelona reconstruíuno na súa primitiva localización nos anos oitenta baixo a dirección dos arquitectos Cristian Cirici, Fernando Ramos e Ignasi de Solà-Morales.
A Casa Tugendhat en Brno (Chequia) (1929-30) foi o primeiro proxecto no que Mies aplicou de xeito pragmático as ideas amosadas no Pavillón Barcelona. Na planta superior estaban os dormitorios e maila vivenda do servicio, nembargantes na Tugendhat destaca especialmente a planta baixa, que acolle o espacio de estar principal, alí atopamos novamente piares cruciformes case inmateriais de aceiro relucente e un espacio que se define por un plano exento de ónice, un panel curvo de ébano que non chegaba ó teito e pola coidada distribución do mobiliario, tamén deseñado por Mies.
En 1930, no mellor momento da súa carreira europea, Mies é nomeado director da Bauhaus en Dessau. A situación política na Alemaña da época, cun nazismo en constante crecemento, fixo moi difícil a existencia da escola da Bauhaus, que defendía unhas ideas e uns estilos moi diferentes ós defendidos pola dereita alemana. En 1932 Mies viuse obrigado a pechar a escola en Dessau, trasladándoa a Berlín, onde sobreviviría só uns meses, pechando definitivamente a finais do verán de 1933 polas inaceptables condicións impostas polos nacionalsocialistas
Nos anos seguintes Mies a penas construíu, vivía dos dereitos da venda do mobiliario que deseñara e duns poucos encargos, nembargantes non permaneceu ocioso e dedicouse a facer unha serie de proxectos de casas de planta baixa con patios pechados por muros altos de ladrillo, patios que son ós que se abre a vivenda, esquecéndose do exterior. Ese exterior foise facendo mais hostil a Mies a medida que o control dos nazis invadía tódolos aspectos da vida no país; dise que incluso foi o propio Hitler quen rexeitou o deseño que fixera o arquitecto para o pavillón alemán para a exposición internacional de Bruxelas de 1935.
ESTADOS UNIDOS
En 1937, no transcurso dunha viaxe polos Estados Unidos, recibe a oferta de converterse en director de Arquitectura do Armour Institute of Technology en Chicago, Mies acepta o posto e trasládase a EEUU, como farían outros moitos arquitectos "modernos'' da época como Gropius, Mendelsohn ou Breuer, que foxen do clima hostil dos nazis.
Dous anos despois da chegada de Mies o Armour fusionase co Lewis College para formar o Illinois Institute of Technology (IIT), e Mies recibe o encargo de facer un plan xeneral e mailo deseño das instalacións do recinto universitario, os primeiros edificios construídos no recinto, o Laboratorio de Minerais e Metais (1942-43) e mailo edificio da administración e Biblioteca (1944) reciben eloxios dos críticos de arquitectura; a nacente reputación de Mies en América viuse consolidada por unha exposición en 1947 do MOMA de Nova Iorque sobre a súa obra.
Nesa exposición no Museo de Arte Moderno presentou Mies unha das obras máis polémicas da súa carreira, a Casa Farnsworth (1946-51) unha caixa de vidro delimitada por un teito e un chan sostidos por oito columnas perimétricas de aceiro, que no seu interior so ten coma elemento ríxido o que forman un cuarto de servicio e dous cuartos de baño. A propietaria denunciaría a Mies por incumprimento do contrato e declararía que se sentía estafada con aquela gaiola de vidro, nembargantes perdeu o xuízo e desfrutou da casa durante 19 anos. Con esta casa comezou unha serie de edificios tachados, polos seus detractores, de fríos e inhumanos.
Neses anos, ó tempo que segue traballando no campus do IIT, Mies traballa en edificios de vivendas en altura coma os famosos apartamentos en Lake Shore Drive en Chicago (1948-51 os dous primeiros e dos anos 1953-56 os dous seguintes).
No período 1954-58 Mies ocupase do paradigma dos edificios de oficinas, o Edificio Seagram en Nova Iorque, en colaboración con Philip Johnson. Con este edificio de 39 andares culminaba a busca que iniciara cos seus proxectos utópicos de rañaceos de vidro dos anos vinte. O Seagram chamou a atención dende o primeiro día pola pureza da súa volumetría, a elegancia da súa fachada de bronce e vidro e moi especialmente porque deixaba libre case media parcela para dedicala a praza pública, un xesto inaudito na cidade de Nova Iorque, onde deixar libre un terreo tan sumamente caro era un feito estranísimo. Esta praza converteuse de inmediato, e ata hoxe nun dos espacios abertos de máis éxito da cidade.
Logo de rematar o Seagram, Mies recibiu unha multitude de premios e recoñecementos, estaba no momento culminante da súa carreira profesional. Deixou o seu posto coma director da Escola de Arquitectura do IIT ca intención de seguir ocupándose do deseño dos edificios do campus e dedicarlle mais tempo ó seu traballo coma arquitecto. Nembargantes o IIT aproveitou a oportunidade para racha-la súa relación con Mies, de nada valeron as protestas do mundo da arquitectura, entre as que se atopaba a de Le Corbusier, e a obra de Mies quedou incompleta.
De todos xeitos nos derradeiros anos da súa vida o traballo non lle faltou a Mies, entre estas obras finais pódense destacar o edificio de oficinas Bacardí na cidade de México (1956-61) e a Nova Galería Nacional en Berlín (1962-68). Ludwig Mies van der Rohe morreu o 17 de agosto de 1969 en Chicago. Mies van der Rohe escribiu pouco e fixo aínda menos declaracións públicas sobor do seu traballo, as opinións de Mies perdéronse en conversas a carón dun whisky dobre e dun cigarro puro, o que falaba era e sigue sendo a súa arquitectura, un traballo no que reducía cada problema ó seu estado máis elemental para darlle solución do xeito máis preciso; coma dixo John Entenza na presentación de Mies cando a sección de Chicago do Instituto Americano de Arquitectura lle concedera a Medalla de Ouro: "Mies van der Rohe acadou tanto dun xeito tan discreto que un preguntase por qué outros tiveron que ser tan ruidosos'', un comentario que sigue sendo válido hoxe en día... máis de trinta anos despois.
Anxo Sánchez González