Tony Garnier non construíu demasiado e o mais importante da súa obra son un conxunto de debuxos dunha cidade que non existiu nunca. Nembargantes a súa obra é importante por todo o que anticipou da arquitectura que se faría anos mais tarde. Sen dúbida, un traballo percorrido polas ansias dun home que vía moito máis alá do que a súa época lle permitía levar a cabo.
Tony Garnier anticipou en dúas décadas os principios do Movemento Moderno.
Coma diría o alcalde de Lión Édouard Hérriot: “Os monumentos de Garnier respostan ás necesidades dunha época que a ciencia transformou radicalmente”
ANTOINE GARNIER, popularmente coñecido coma Tony Garnier, nace en Lión (Francia) no 1869 da parella formada por un deseñador téxtil e dunha tecedeira, pasa toda a súa infancia nun típico barrio obreiro desa cidade, ós 14 anos ingresa na Escola Técnica da Martinière, onde se recoñece a calidade dos seus deseños, e curiosamente, da súa caligrafía.
Entre 1886 e 1889 estudia na Escola de Belas Artes de Lión, onde colleita diversos premios incluído o primeiro premio en arquitectura, o Prix d'Honneur e mailo premio Bellemain que permitía ós agraciados continua-los seus estudios en París; así en 1990 Tony Garnier é admitido na Escola de Belas Artes de París.
Como era costume na época Garnier é asignado a un estudio de arquitectura para completa-la súa formación; ademais diso a propia cidade de París era unha escola de arquitectura e urbanismo en si mesma para un observador atento. Un ano antes, en 1889, a cidade fora sede dunha exposición universal co gallo de que se construíran a Galería das Maquinas de Dutert e Contamin e maila Torre Eiffel.
Tony Garnier estaría na escola de Belas Artes de París ata 1899, tentando recoller tódolos recoñecementos e premios posibles, e coas miras postas en acada-lo Prix de Rome, o máis grande recoñecemento nos eidos da pintura, escultura, música e arquitectura. Garnier era moi consciente de que unha persoa nova e de orixe humilde coma el non acadaría un respectable status profesional se non era da man dun premio prestixioso coma o Premio de Roma. Garnier compite en diversos concursos e queda segundo no Prix de Rome dos anos 1895 e 97.
No 1898 Tony Garnier presencia na rúa Danton de París a construcción dun edificio, deseñado polo arquitecto Hennebique, que utiliza a novidosa técnica do formigón armado. No futuro, Garnier explorará as posibilidades estéticas propias do material nos seus deseños. No 1899 cun proxecto de sede dun banco central, por fin, Tony Garnier acada o Prix de Rome.
O Premio de Roma
O premio de Roma, instituído pola Academia de Belas Artes tiña por principal obxectivo o perfeccionamento no estudio da forma clásica, con financiamento dos estados francés, italiano e español; en troques os premiados tiñan que facer estudios de edificios e cidades antigas.
Tony Garnier viviu coma alumno residente na Vila Medicis en Roma dende 1899 ata 1904, nun ambiente de intelectuais e artistas. No 1901, en cumprimento das condicións do premio de Roma, Garnier presentou o primeiro esquema do traballo desenvolvido ata ese intre, unha planimetría do Tabularium romano, resultou ser un traballo moi pobre, de pouca calidade, consistente nun par de debuxos toscos a lapis e algunhas acuarelas; por se iso non fose suficiente para desagradar á academia ía acompañado dunha cita que dicía: "Dende que toda a arquitectura está baseada en falsos principios, a arquitectura antiga é un erro. So o verdadeiro é belo''; e para acabar de desencadea-la ira da Academia de Belas Artes tamén presentaba uns esbozos dun proxecto utópico de cidade industrial; este sería o proxecto da súa vida.
Nos dous anos seguintes Garnier presenta novos traballos de estudio da antigüidade, ó tempo que segue a elabora-lo seu proxecto utópico de cidade industrial para 35.000 habitantes. Finalmente presenta un estudio sobre da cidade de época romana de Tusculum, cheo de columnas dóricas, xónicas e corintias.
Cando remata a súa estadía en Italia Garnier volta a Francia, onde o seu proxecto de cidade industrial é exposto só coma un traballo suplementario dándoselle importancia ó traballo de estudio de Tusculum.
A especial querencia polo clásico da academia francesa levou a que se fose producindo no século XIX unha gran separación entre os arquitectos e mailos enxeñeiros, estando os primeiros moi preocupados pola estética e afastados das demandas reais da sociedade do seu tempo e por outra parte os enxeñeiros preocupados estrictamente pola técnica, e moitas veces afastados de toda sensibilidade artística.
A arquitectura francesa baséase historicamente no clasicismo e nunha boa técnica, nos tempos que viviu Tony Garnier isto víase ameazado polo eclecticismo e un afastamento progresivo das innovacións técnicas. Tony Garnier reacciona fronte ó eclecticismo a través dun clasicismo entendido coma xeometrías claras e coherencia estructural; e realiza isto nun material que por esa época se fai común na arquitectura e que se presta ben a estes obxectivos, o formigón armado, xunto co vidro e o aceiro. O feito de que Garnier non se adaptase mimeticamente á ortodoxia da academia débese en boa parte á súa procedencia, xa que Lión era unha das cidades máis industriosas na Europa da época, e moi influída polo emerxente movemento obreiro, coa carga de pragmatismo e innovación que todo iso implicaba; ademais no seu tempo existía unha atmosfera de revisión do vello canon académico.
A Cidade Industrial
O proxecto da cidade industrial é o proxecto que fixo que a figura de Tony Garnier sexa recoñecida como un dos precursores do Movemento Moderno. Tony Garnier dedicou boa parte da súa vida, nunha imaxe moi romántica da figura do arquitecto, a unha cidade que nunca existiu. Concibiu e deseñou unha cidade enteira, dende as grandes infraestructuras ata o mobiliario que habían de ter as súas casas.
E non era unha cidade calquera, era unha cidade para os novos tempos, unha cidade da que forman parte, sen tensións, elementos alleos ás vilas que existían, coma o automóbil, a industria...
Este proxecto expúxose en París despois de que Garnier volvese de Italia e seguiu traballando nel e modificándoo ata que o publica máis de dez anos despois; as últimas adicións faríaas para a segunda edición, de 1931. A Cidade Industrial ideal para 35.000 persoas é o proxecto da súa vida, e en certo sentido o único proxecto da súa vida, xa que cando ten a posibilidade de construír en Lión da man do alcalde Hérriot o que fai é copia-los deseños que tiña feito para a súa cidade ideal e convertelos en edificios reais na cidade de Lión.
O interese de Garnier na cidade industrial vén dado polo feito de que pensa que unha cidade nova no seu tempo ten que ter en conta a industria, polo tanto ten que nacer cun afán de ser unha cidade industrial, ou senón non será nin sequera cidade. A Cidade sitúase nun contorno tamén utópico no sueste de Francia, dispón de río, monte e zona cha, vías de comunicación etc... Os materiais da zona utilizaranse como material de construcción, existirá dispoñibilidade de espacio por parte da sociedade...
Garnier desenvolve con total precisión tódolos elementos da cidade, dende os centros de producción de enerxía ou as instalacións fabrís ata os interiores das vivendas, pasando polos edificios públicos que a cidade precisaría, excluídas igrexas e cárceres xa que nese espléndido ambiente de vida ideal e humanista non existiría a delincuencia. No que se refire ó xeito de construír toda esa cidade, Garnier opta, e aquí está un dos elementos mais revolucionarios, polo formigón armado, o aceiro e mailo vidro, expresados coa estética propia deses materiais, sen fixarse nas arquitecturas existentes e sen mimetismos historicistas.
Fai unha arquitectura sen adornos superfluos na que a simplicidade e maila pureza de liñas dotan a esa cidade dunha beleza serena. A decoración limítase á arquitectura e a textos dos filósofos do momento como Zola que se dispoñen nos edificios representativos. Son edificios de inspiración clásica pero adaptados ós novos tempos. No derradeiro parágrafo do prólogo na publicación da Cidade Industrial Garnier amósasenos como un arquitecto-artista optimista, confiado en atopar un xeito de vivir en harmonía e facer que a vida sexa, nin máis nin menos, espléndida.
Na Cidade Industrial, Tony Garnier anticipa varios principios que serían habituais no Movemento Moderno: a construcción aberta, a independencia dos percorridos dos peóns e dos vehículos, a cidade xardín ou o carácter normativo dos factores hixiénicos.
Vida Profesional.
Logo das críticas recibidas dende a Academia polo seu proxecto de cidade industrial Tony Garnier considera emigrar ós Estados Unidos, onde supuña que serían máis tolerantes coas súas ideas e se cadra acadaría unha clientela. Nembargantes, as críticas máis favorables por parte dalgunhas revistas especializadas e en especial da prensa da súa cidade natal fan que desbote a idea de emigrar e no 1905 retorna a Lión.
Garnier recibe no 1905 o encargo de face-lo deseño do centro municipal de distribución leiteiro e establece o seu estudio profesional en Lión. É nese mesmo ano cando Édouard Hérriot acada a alcaldía da cidade. Hérriot sería o máis firme apoio de Garnier na súa carreira, foi un alcalde que confiou en Garnier xa que estaba de acordo cos ideais do arquitecto.
Da man de Hérriot recibe en 1906 o encargo de face-lo mercado e mailo matadoiro de Lión; no mercado, Garnier, traslada de xeito mimético o deseño dos estaleiros da súa cidade industrial. Os traballos de construcción non comezarán ata 1909, ano no que logo dunha viaxe xunto co seu amigo Hérriot para ve-los máis modernos hospitais de Alemaña e Dinamarca, comeza a construcción do Hospital Grange-Blanche, que tempo despois sería nomeado Hospital Édouard Hérriot.
No 1914 fai o proxecto do estadio municipal de Lión e dirixe unha exhibición internacional de urbanismo, onde ten ocasión de contactar coas figuras da planificación, parece que ese contacto o anima a considera-la publicación do seu proxecto de Cidade Industrial.
Ó ano seguinte, con 46 anos, casa con Catherine Laville. É nese ano no que proxecta o Sanatorio Franco-Americano de Lión, redeseña a escola de Belas Artes e fai unhas vivendas para obreiros.
O ano 1918 fai a nova sede do Credit Lyonnais e mailas oficinas de correos en Lión. Nembargantes, neste ano un Tony Garnier moi afectado polos efectos da Gran Guerra refúxiase en si mesmo e deixará o optimismo dos seus proxectos para unha cidade industrial. A finais dese ano Garnier deseña o primeiro dunha longa serie de mausoleos e memoriais das víctimas.
Nos anos seguintes proxectará moitos monumentos ás víctimas da Gran Guerra, normalmente sen construírse nunca, para cidades diversas coma París, Marsella, Lión e outras. Mais tamén fará algúns proxectos achegados ó mundo dos vivos como unha casa para el mesmo no 1920, vivendas diversas ou a casa do concello de Boulogne-Billancourt rematada no 1934.
Nos anos 30 vaise retirando progresivamente da actividade profesional ata que no 1936 se pode considerar retirado, xusto en plena efervescencia do Movemento Moderno que el anticipara co seu traballo moitos anos antes. No 1939 trasládase de Lión a Bédoule, preto de Marsella, onde morrería no 1948 ós 78 anos de idade. Dous anos antes da súa morte Le Corbusier dixera sobre a súa obra: "A cidade industrial, o primeiro exemplo de terreo urbano definido como espacio público e organizado para acomodar confortablemente polo beneficio común dos seus habitantes. Despois dunha eclipse de moitos anos, Garnier restableceu afortunadamente a dignidade e a pureza de integrar vivenda, traballo e contacto entre os cidadáns".
Anxo Sánchez González