Anxo Sánchez González, arquitecto

Viaxe á EXPO 98

Publicado en O Correo Galego el 3 de agosto de 1998

A estación de Oriente.

A EXPO TAMÉN É ARQUITECTURA

Propaganda e avances das civilizacións, o eixe destas mostras universais.

Século e medio despois da primeira exposición universal este ano, ata o 30 de setembro, celébrase en Lisboa o último destes acontecementos que combinan diñeiro, espectáculo, propaganda e arquitectura.

As exposicións universais teñen unha importante relación ca arquitectura dende que no século XIX comezaron a realizarse, estas exposicións foron, e seguen sendo un mecanismo propagandístico dos logros dos países participantes, e sobre todo da nación organizador

Coma di Leonardo Benevolo na súa indispensable obra Historia da arquitectura moderna : "A través das Exposicións universáis, a partir de 1851, podemos seguir doadamente os progresos da enxeñería na segunda metade do século XIX".

Xa na primeira exposición universal, a de Londres de 1851, atopamos unha edificación singular coma foi o Pazo de Cristal, proxectado por Joseph Paxton, un constructor de invernadoiros, que fixo un edificio totalmente prefabricado e desmontable. O Pazo de Cristal supuxo unha revolución técnica e estética, sendo reinterpretado en sucesivas exposicións universais ; chegando á espectacular "Galería das Máquinas" da exposición de París de 1889, na que tamén se presenta a Torre Eiffel.

Dentro do ámbito mais puramente arquitectónico cabe sinala-la realización dun pavillón para a Exposición universal de 1929 en Barcelona que supuxo un dos fitos máis importantes da arquitectura do noso século ; o Pavillón Alemán de Mies van der Rohe, que non tivo unha repercusión demasiado importante na súa época, como amosa o feito de que fora totalmente desmantelado e non se lle dera valor ata anos máis tarde. Afortunadamente esta obra foi reconstruída fai uns anos no mesmo lugar que ocupara na cidade de Barcelona

No noso século as exposicións universáis foron realizándose de cando en vez por diversas cidades do planeta, ata chegar a esta de Lisboa, que será a última do século.

Pola súa proximidade a comparación ca ultradeficitaria Expo 92 en Sevilla faise case que inevitable. En ámbolos dous casos o terreo escollido para situar a exposición é unha zona que se quere rescatar e valorizar da cidade, a infrautilizada Illa da Cartuxa en Sevilla e no caso de Lisboa uns terreos de pasado industrial dende o século XIX, nos que se atopaba unha refinería.

O proxecto da Expo lisboeta vai mais alá da propia exposición, tanto no tempo coma no espacio (algo que lamentablemente non se fixo en Sevilla), e abarca un programa denominado Expo Urbe, destinado a vehicula-lo crecemento da cidade mediante unha arquitectura correcta e un urbanismo coidado, nun plan con bastante semellanza ó realizado na cidade de Barcelona con motivo das olimpíadas celebradas no ano 1992, o mesmo que relanzou a vitalidade da cidade.

DE FORMIGÓN E ACEIRO.

A Estación de Oriente, espectacular obra do arquitecto español Santiago Calatrava, é un dos puntos de referencia da exposición que acolle Lisboa e converteuse nunha das estrelas da mostra, pese a non estar propiamente dentro dela. Os turistas e os visitantes en xeral chegan admirados a contemplala coma unha das estrelas da Expo.

Centrándonos xa no que é o recinto da Expo propiamente dita deberíamos comezar de todos modos a nosa visita por un edificio que se atopa fora dela, a estación de Oriente, espectacular obra de Santiago Calatrava, esta estación eo de trens, autobuses e metro, amais de posuír un amplo espacio comercial (que se verá ampliado o ano que ven). A Estación de Oriente está realizada, seguindo as inconfundibles pautas hipergóticas da arquitectura de Calatrava, en formigón e aceiro, con suxestivas formas en ámbolos dous materiais. A estación gaña en lixeireza a medida que imos ascendendo dende a estación de metro, mais ben convencional, ata a estación de tren que se atopa cuberta por unha especie de árbores de metal e vidro que lle dan a súa característica aparencia á estación.

Xa no interior da Expo os pavillóns temáticos son ó mesmo tempo os que parten cunha vocación máis representativa dende o punto de vista arquitectónico.

Na Expo lisboeta, ó contrario do que sucedía en Sevilla onde cada pais facía o seu edificio, os 147 países representados en Lisboa teñen os seus pavillóns dentro dunhas naves conxuntas, co que se limitan as posibilidades arquitectónicas quedando estas reducidas ó contorno da exposición de cada país, nun traballo de decoración de interiores ; xa que o contedor non é dun excesivo interese no caso da area internacional norte, que pode ter algo de interese nos seus laterais de vocación deconstructivista, na pasarela lateral que os percorre (inaccesible ó público) ou na súa cuberta, e no caso dos pavillóns da area internacional sur e das organizacións non pasan de ser aburridas caixas sen un interese especial.

Así pois as estrelas da mostra son os pavillóns temáticos e mailo único pavillón dun pais en edificio propio, o do país organizador, por suposto. A indubidable estrela da mostra é o Oceanario (ou Pavillón dos Océanos) de Peter Chermayeff, que é un edificio relativamente pequeno e moi axeitado ó seu contido, cunha interesantísima exposición de ambientes mariños dos océanos Índico, Pacífico, Atlántico e Antártico, amais dun tanque central con numerosas especies mariñas. É sen dúbida a exposición mais interesante da Expo 98, e afortunadamente permanecerá logo do peche da exposición, converténdose nun punto de interese que visitar nas viaxes á cidade de Lisboa.

O Edificio é simétrico (a metade de traballo, o dobre de erros) e divídese en catro ambientes, cada un nunha das esquinas do edificio e cun gran depósito central cilíndrico con preto de 20000 exemplares mariños no seu interior ; e sen chegar a entusiasmar, poderíase dicir que é un edificio correcto.

O Pavillón de Portugal, obra de Siza Vieira e cunha exposición multimedia deseñada polo outro gran arquitecto luso Souto de Moura é moi representativo do modo de facer de Álvaro Siza, un edificio branco, correcto, elegante e se cadra algo aburrido. Destaca a cuberta da praza cerimonial na entrada do pavillón, realizada cunha lámina curva de formigón que cobre un gran espacio, nun pequeno alarde estructural.

No pavillón do coñecemento dos mares de Carrilho da Graça destacan os volumes rotundos e sólidos no seu exterior e os valeiros no seu interior. Non ten un interese excesivo dende o punto de vista arquitectónico e podería pasar bastante desapercibido se estivese inmerso na cidade.

Paula Santos, Rui Ramos e Miguel Guedes son o trío que deseñou o Pavillón do Futuro, un pavillón moi interesante, tanto polo espectáculo do seu interior, coma dende o punto de vista arquitectónico. Este pavillón presenta unha pel metálica que protexe ós volumes que forman o pavillón, construído utilizando con profusión os mesmos materiais que na construcción de barcos (madeira, aceiro, tela, vidro). É unha edificación bastante elegante.

Outra gran estrela da Expo é o Pavillón da Utopía, de Regino Cruz, no que destaca, por riba de todo, a súa cuberta, realizada cunha estructura de madeira laminada, obtendo un perfil exterior peculiar.

Nembargantes non son estes os únicos edificios cun certo interese que ten a exposición e merecen verse tamén as torres Galp (xunto á "Porta do Mar") e Vasco da Gama, esta última cunha interesante estructura exterior de barras de aceiro que pretende simular unha vela dun navío. O Pavillón da Realidade Virtual de Portugal Telecom tamén se merece unha foto, aínda que a súa vocación é mais escenográfica que arquitectónica. A sala Xulio Verne, na que destaca o gran volume de cor azul que emerxe do edificio, tamén ten un certo interese. Un pavillón interesante é tamén o da empresa Unicer (Pavillón da Auga) cunha estructura en madeira moi suxerente, e no que predominan os planos inclinados, pena que o seu contido expositivo non esté á altura do contedor.

E dentro de elementos menos representativos cabe citar dúas realizacións de espírito deconstructivista que se sitúan xunto á área internacional norte, o pequeno edificio de apoio ós artistas e mailo edificio administrativo situado enfronte deste. Tamén son de certo interese os restaurantes flotantes.

Nembargantes existen pequenos detalles arquitectónicos cun certo interese, un dos elementos que máis chama a atención dende o punto de vista arquitectónico que posúe a Expo é unha pequena estructura de formigón que marca a entrada á zona da exposición marítima, sen unha función clara, pero cunha sinxeleza e elegancia moi destacables ; tamén merece a pena fixarse no deseño dos pictogramas indicativos, as fontes, e algúns elementos de mobiliario urbán.

De todos modos o feito de que os países non poidan realizar edificios propios para os seus pavillóns limita o interese artístico da Exposición. Nembargantes esta pode ser unha boa escusa para visitar Lisboa, onde podemos desfrutar do ambiente de barrios coma Alfama, a Baixa ou o Chiado, reconstruído ca dirección de Siza Vieira logo do incendio que o asolou fai uns anos, podemos admirar o estilo Manuelino do Mosteiro dos Xerónimos en Belem, a famosa Torre, ou se queremos arquitectura moderna e arte podemos visita-la Fundación Gulbenkian. E xa postos por qué non visitar o Pazo de Queluz ou a vila de Sintra, patrimonio da humanidade dende 1995. Sen dúbida, todos eles moito máis interesantes que a Expo, pero que han seguir alí cando esta peche as súas portas o día 30 de setembro.

Anxo Sánchez González