A historia da arquitectura na provincia coruñesa discorre xeralmente de forma paralela á do resto de Galicia, nembargantes en diversos perídodos históricos presenta elementos diferenciadores ou peculiares, ben sexa polo seu estilo, pola súa vitalidade ou polas súas particularidades especificas.
En Galicia, nos tempos máis antigos, tivo unha boa importancia a cultura castrexa, da que nos quedan exemplos tan expléndidos coma o castro de Baroña (Porto do Son).Nembargantes foi a ocupación romana a que deixou o máis importante poso cultural, que en obras arquitectónicas de importancia deixounos regalos coma a Torre de Hercules (seguramente sobor dunha torre previa) ou na cidade de Lugo, a Lucus Augusti romana, as Murallas e as impresionantes riquezas que parece atesourar no seu solo, que somentes agardan unha política axeitada de excavación e catalogación para abraiarnos a todos.
Co paso dos séculos, logo da caída do Imperio, no tempo dos monarcas suevos e visigodos, fanse construccións salientables coma Santa Eulalia de Boveda e Santa Comba de Bande. De todolos xeitos o momento de explendor arquitectónico chegaría a Galicia logo do descubrimento da tumba do apóstolo. No Románico tivo lugar unha das é pocas douradas da arquitectura en Galicia. O Románico deixou en Galicia exemplos soberbios coma o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, nembargantes o máis importante deste período artístico é o que supuxo en toda Galicia, non so nas obras puntuais coma as catedrais de Santiago, Ourense, ou Tui. O Románico tivo unha difusión por toda Galicia, nun período que se prolonga durante máis séculos que noutros lugares dada a dificultade de traballar de forma goticista a pedra granítica e mailos períodos de crise.
Os períodos máis importantes e explendorosos da arquitectura galega foron o Románico e mailo Barroco, non fai falla máis que ollar a arquitectura culta galega e salvo contados exemplos podemos dividila nun destes dous Estilos, ata o século XIX
Ó longo dos séculos os señores construíron unha arquitectura, máis ou menos monumental, pouco afectada por influencias forá neas, e sen demasiados excesos formais. Pero o maior tesouro que nos legou a historia da arquitectura en Galicia e na Coruña en Particular foi o traballo anónimo e constante da arquitectura popular.
A historia da arquitectura en Galicia ten coma elemento unificador o uso da pedra propia do pais, usualmente o granito. Unha pedra dura que non da lugar a veleidades esteticistas, unha pedra ca que se constrúe resolvendo os problemas constructivos máis non se fan concesións ó ornato. O outro elemento que lle da senso constructivo á arquitectura galega é a madeira, ca que tamén se resolven estrictamente os problemas constructivos, non existen elementos decorativos que non cumpran unha función constructiva.
A arquitectura popular galega foi profundamente analizada e estudiada nas ultimas décadas por xente da valía de Manolo Gallego ou Pedro de Llano. Non me corresponde a min facer un novo estudio dende este artigo máis podemos sinalar a perfecta adecuación ó medio que a experiencia, o ensaio constante e maila tradición ben entendida lle deron á arquitectura galega tradicional; unha arquitectura de hórreos, pallozas, casas mariñeiras e vivendas de campesiños, que non saen nas enciclopedias de arte pero que supoñen a maior riqueza arquitectónica vernácula que posúe o noso pais, e esta afirmación cobra a súa verdadeira dimensión cando ollamo-las riquezas que nos legou a chamada "arquitectura culta". O respeto pola tradición foi conformando unha forma de facer arquitectura (sen arquitectos) propia e específica de Galicia, na que se reflexan as peculiaridades do noso pais.
Máis no século pasado, acompañando ó rexurdimento cultural vivido, comezan a chegar fortes influencias do exterior no mundo da arquitectura e da construcción, que se ben foron moi interesantes en elementos coma o da galería que se desenvolve a partires da experiencia cantábrica, levaron tempo despois a que a tradición perdese importancia a prol da tecnoloxía e das novas técnicas e estilos. Foi o século pasado un no que xorde en Galicia con decisió nunha clase burguesa e mercantil, que non tivera papeis decisorios no pasado que comeza a leva-las rendas do país
Chegamos así ó século XX no que se España chega tarde, Galicia aínda máis, ainda que con excepcións moi salientables coma o edificio do Banco Pastor na Coruña, que é un dos primeiros rañaceos de España. Podemos citar coma arquitectos destacados desta época a Julio Galán y Carvajal, que fai obras expléndidas na Coruña, a Pedro Mariño, arquitecto municipal e responsable do proxecto do concello da cidade herculina ou a Antonio Palacios Ramilo, o arquitecto máis importante da época dos nados en Galicia, aínda que con pouca obra na nosa terra.
Son anos de importante transformación de cidades coma A Coruña, Vigo ou Ferrol. Que pasan a ser cidades de clara vocación comercial e industrial. Faise a arquitectura do momento, que é unha arquitectura ecléctica, que mistura estilos dándolle ós edificios a imaxe de ornato que nunca tiveran en Galicia, unha imaxe moi do gusto burgués, iso si.
Logo chegarán as tendencias da arquitectura rexionalista, que en Galicia deron arquitecturas dun rexionalismo non galego, bos exemplos deste período podémolos ollar na cidade xardín da Coruña.
Cando no mundo se desenvolve con maior intensidade o Movemento Moderno en España en xeral, e particularmente en Galicia, non hai a penas nada parecido. A arquitectura racionalista desenvólvese en Galicia tarde e sen aportar exemplos de masiado salientables, aínda que é de mencionar o feito da continuidade no uso da pedra nas fachadas. Logo da Guerra o estilo tórnase, nunha tendencia típica dos poderes autoritarios, máis clasicista, mellor dito "pseudoclasicista". Esta din ámica creou obras como o edificio de correos en Compostela.
Esa tendencia ó historicismo non se comeza a rachar en Galicia ata a chegada dos primeiros profesionais renovadores na arquitectura Galega, principalmente o desaparecido Xosé Bar Boo (Pepe Bar) en Vigo e Andrés Fernández Albalat en A Coruña ; cos que Galicia entra timidamente no Estilo Internacional. Labor similar á que levaron a cabo en España Coderch, Bohigas, Oiza, Fisac ou o galego De la Sota.
Nas obras oficiais daquel tempo poucas obras foxen do pastiche, aínda que podemos sinalar as universidades laborais de Ourense (de Cano Lasso) ou de Coruña de Luis Laorga. Cabe sinalar que os arquitectos renovadores non tiñan a posibilidade de facer obra pública, polo seu estilo e pola súa tendencia política, de posicionamento esquerdista.
Albalat e Bar Boo aglutinan as posturas máis adiantadas do seu tempo e dan o pulo preciso para que en Galicia se desenrole o estilo internacional. Labor na que se verían axudados pola chegada sucesiva de arquitectos titulados a partir dos 50 coma Manolo Gallego, Cesar Portela, Suances, Baltar, Meijide,... dispostos a come-lo mundo, e que tiveron uns inicios moi significativos e de calidade, aínda que logo se anquilosasen ou perdesen a forza a costa de pelexar con clientes máis interesados en abarata-lo custo do metro cadrado ca en facer arquitectura.
Chegarían tamén, uns anos máis tarde xente coma Xosé M. Casabella, Celestino García Braña, Felipe Peña,... que aportan unha certa novidade, pero algo monótona. Son arquitectos que usan unha linguaxe "de escola", que seguen tendencias rossianas, moi populares entre os arquitectos galegos.
Nos anos 60 e primeiros 70 o panorama galego está formado por un escaso número de arquitectos (ata 1971 non se colexian nunca mais de 10 arquitectos ó ano), cunha gran carga de traballo e nunha situación de illamento que fai que a crítica sexa nula, o que lles levou en ocasións a facer verdadeiras aberracións sen que ninguén lles dixese nada.
No 73 créase o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (C.O.A.G.), no 75 fúndase a Escola de Arquitectura da Coruña e no 76 celébrase en Santiago o I SIAC (Seminario Internacional de Arquitectura Contemporá nea) coa asistencia de profesionais coma Rossi, Stirling, Aymonino, Siza,... A conxunción destes factores daría lugar á arquitectura galega dos anos 80 e da actualidade. Son arquitecturas moi influí das pola "tendenza" e polas ideas de Rossi, cunha unifomidade e un acatamento das súas ideas pouco usual noutras terras; unha uniformidade discutida por moi poucos arquitectos, entre os que podemos cita-las obras de Fernando Blanco ou de Penela, que buscan novos camiños mentres os arquitectos xa establecidos e outros das novas xeracións saídas da escola da Coruña parecen apoiarse en posturas xa clá sicas, nunha imaxe de revista, sen buscar os novos camiños que podería ter a arquitectura galega, mais facendo obras serenas e compracentes, sen grandes defectos, pero ó mesmo tempo tamén carentes de virtudes.
Este proceso foi, con moitísimos matices, o responsable da imaxe arquitectónica que temos hoxe en Galicia, e en particular na provincia de A Coruña. No rural as vivendas tradicionais resistiron ata fai relativamente pouco dunha forma estoica o ataque de arquitecturas de peor calidade, coma os chalés que foron invadindo o seu territorio, dando unha imaxe artificiosa, de construccións que non teñen a consideración co entorno que tiñan as obras tradicionais. Por outra parte atopamos algunhas actuacións de certa calidade en forma de centros de saúde, novos edificios en pequenos concellos feitos con moito oficio, e parece que a xente comeza a apreciar a boa arquitectura, aínda que sexa pouco a pouco...
Mentres isto pasou no mundo Rural as cidades tiveron comportamentos particulares, e cabe citar os exemplos de A Coruña, Santiago, Ferrol ou Betanzos, cada unha cas súas propias características. Nesta ú ltima o centro urbano ten unha calidade e unha unidade digna de ser conservada, nembargantes unha certa decadencia nas últimas décadas fixo que sufrise unha situación de abandono e decadencia, que se resiste a sufrir
No caso de Ferrol a riqueza arquitectónica da cidade parte dende a súa concepción, é unha cidade planificada para ser creada "ex novo" por motivos militares, mediante un trazado ortogonal, máis non posúe unha riqueza arquitectónica equiparable á das outras cidades da provincia. A situación desta cidade viuse agravada pola crise do sector naval nos 80 e polo desmantelamento de diversas instalacións, e unha cidade en decadencia non xera arquitectura de calidade.
Os casos de A Coruña e Santiago son diferentes ós anteriores, se ben comparten características comúns nunha singular competición no eido da arquitectura.
En Santiago de Compostela o pulo que lle deu á cidade o feito de converterse na capital de Galicia, o Xacobeo e outros fenómenos foron apoiados decisoriamente ca creación dunha serie de edificios e infraestructuras, neste proceso ten unha importancia clave o feito de que o alcalde sexa un dos arquitectos que impulsaron o colectivo nos decisivos anos da creación do colexio, da chegada da democracia, etc... En Santiago entendeuse dende o poder que a arquitectura era un medio de revaloriza-la cidade, e fíxose chamando a arquitectos destacados no panorama internacional, que se encargaron de facer obras representativas por toda a cidade, introducíndoa así no mundo da arquitectura, nunha operación de mercadotecnia de calidade.
En A Coruña, pola súa parte, o fenómeno de creación de novos equipamentos tivo un carácter máis populista.
Nos últimos anos na provincia da Coruña produciuse un proceso de auxe da arquitectura, moi impulsado polas institucións que parece tender a dotar dun patrimonio arquitectónico importante a provincia nun proceso que debe ser coidado e benvido.
Anxo Sánchez González