Alvar Aalto. O arquitecto finlandés, que pasou da fama á ignorancia de toda unha xeración, creou no seu tempo un clima favorable para o deseño.
Foi un arquitecto que viviu o medo de varias guerras, formou parte da revolución que supuxo na arquitectura o Movemento Moderno, chegou a ser posiblemente o arquitecto máis famoso do mundo e despois ignorado por toda unha xeración de compañeiros.
A obra que deixou Aalto no seu país vai máis alá do que proxectou, creou un clima favorable ó deseño e maila arquitectura; herdanza que podemos ollar aínda hoxe na obra dos deseñadores nórdicos.
INICIOS
Na familia dun garda forestal naceu Henrik Alvar Aalto o 3 de febreiro do 1898 en Kuortane, no que 19 anos máis tarde sería Finlandia. O pai de Alvar, J. H. Aalto, fillo de labregos faláballe ós seus fillos en sueco, lingua adoptada no ascenso social, mentres que a súa nai, Selma Hackstedt, que pertencía a unha clase máis acomodada e fora educada en sueco, faláballes en finés
Selma era unha muller culta, cunha boa educación musical e pioneira do feminismo e do nacionalismo finés; nembargantes Alvar Aalto, o maior dos irmáns, non tivo case tempo de coñecela, morreu de meninxite cando este tiña oito anos. O pequeno Alvar non se resignou a esta perda e decidiu ignorala, nembargantes toda a súa vida soportou mal a soidade, converteuse nun dos arquitectos máis extravertidos da historia e cando, máis tarde, o rodeou a soidade, afogaría o seu sufrimento no alcol. Logo da morte da súa nai, o seu sitio foi ocupado pola súa tía Flora, que en menos de dous anos logo da morte de Selma ocupou o seu lugar na casa.
Alvar Aalto non era un bo estudiante, tiña dislexia e víase obrigado a facer unhas complicadas manobras coa linguaxe, de tódolos xeitos xa destacaba no debuxo, tanto que nunha competición infantil desestimaron o traballo que presentara por considerar que o fixera un adulto.
A querencia polo debuxo fixo que Alvar Aalto desestimase a suxestión do seu pai, que desexaba que un dos seus fillos fose militar, e se trasladase a Helsinqui en 1916 onde comeza os seus estudios de arquitectura, que simultaneaba cos seus traballos de ilustrador en diversas revistas universitarias e publicacións da capital. En 1917 Finlandia proclama a súa independencia de Rusia e ó pouco estoupa a guerra pola independencia. Alvar Aalto participou pouco menos de catro meses nesa contenda, onde seguiu debuxando a paisaxe ou facendo caricaturas dos seus compañeiros; pese a esta actitude na guerra coñecería Aalto morte e na futura Segunda Guerra Mundial inventaría ocupacións que o mantivesen lonxe dos campos de batalla.
Despois da guerra Aalto obtén a titulación de arquitecto en 1921, establece o seu primeiro estudio na cidade de Jyväskyla en 1923 e ó ano seguinte casa con Aino Marsio, tamén arquitecta e unha das persoas máis importantes na vida de Alvar Aalto. As súas preocupacións a esa idade non ían polo camiño mesiánico doutros arquitectos como Le Corbusier, que propugnaban a nova arquitectura, o tempo de Aalto estaba por chegar, nese intre as súas preocupacións eran máis prosaicas, o tamaño da súa mesa, a necesidade dalgún colaborador ou empregado, etc.
Aino e Alvar eran un matrimonio moderno; fundarían unha empresa para exporta-los deseños de Aalto, viaxarían por toda Europa xuntos en automóbil, aprenderon xuntos inglés por correspondencia, viaxaron ós Estados Unidos, fascináronse coa tecnoloxía da época, o cine, o gramófono, os incipientes viaxes en avión e calquera cousa que fose curiosa.
Aino sería a nai dos dous fillos de Aalto, Johanna e Hamilkar, supervisaba os proxectos do seu home, levaba as contas, controlaba discretamente os excesos de Aalto co alcol e coas mulleres, para que as cousas non pasasen de coqueteos, e sobre todo colaboraba activamente, aínda que na sombra, nos proxectos do seu marido
PRIMEIRAS OBRAS
Os primeiros proxectos de Alvar Aalto son unha serie de vivendas modestas feitas con modos algo historicistas, restauracións, unhas poucas igrexas e diversos concursos. Nun deses concursos nos que acadaría o primeiro premio sería o da Biblioteca Municipal de Viipuri (Viborg) de 1927 en Rusia e outro o do Sanatorio Antituberculoso de Paimio (1928). Son dúas obras radicalmente funcionalistas, sobrias pero que amosan un coidado polos pequenos detalles exquisitos. Se Deus está nos detalles, Alvar Aalto estaba moi preto de selo. Son algúns dos primeiros proxectos que realiza despois de traslada-lo estudio á cidade de Turku.
O primeiro en construírse foi o Sanatorio de Paimio (1929-33), nese edificio Aalto fixo un hospital no que os doentes puidesen ter unha estancia o menos desagradable posible. Reflexionando sobre o feito de pasar os días tumbado Aalto deseñou unhas habitacións adaptadas, deseñou todo o mobiliario, estudiou as cores, os volumes e maila iluminación para face-las habitacións do sanatorio agradables.
No sanatorio os doentes tiñan unhas habitacións de dúas prazas agradables, nun pavillón no que tamén se atopa unha terraza cuberta dende a que toma-lo sol e olla-la paisaxe boscosa que rodea o conxunto.
A Biblioteca de Viipuri (1930-35) é outro edificio absolutamente racionalista, e no que a luz foi estudiada con coidado para facer un interior da biblioteca luminoso e agradable, ó mesmo tempo que un espacio onde concentrarse. A Biblioteca sufriu graves danos na Segunda Guerra Mundial e moitos libros de arquitectura dana por desaparecida, nembargantes o edificio volveu funcionar como biblioteca nos anos 60, nos 90 propúxose a súa restauración para o centenario de Aalto, lamentablemente o exceso de custe e maila convulsa situación de Rusia deixaron o traballo sen facer. Aalto experimenta como deseñador de mobiliario dende 1929, e sería por esa actividade polo que comezaría a ser coñecido. En 1933, ano da inauguración do Sanatorio de Paimio, do traslado do estudio a Helsinqui e do primeiro CIAM (Congreso Internacional de Arquitectura Moderna) Aalto expón os seus traballos de mobiliario en Londres e na Trienal de Milán e ó ano seguinte en Helsinqui.
Este éxito levouno á creación, xunto co matrimonio Gullichen, da firma Artek, dedicada á producción e comercialización do mobiliario de Aalto.
O éxito obtido polos deseños de mobiliario permitiulle proxectar para el mesmo a casa dos seus soños preto de Helsinqui, en Munkiniemi (1934-36). Logo viría o proxecto do pavillón de Finlandia na Exposición Universal de París (1937) e na de Nova York (1939) ou todo o conxunto da Fábrica de Celulosas de Sunila (1935-39).
Nembargantes, o proxecto máis coñecido destes anos, e posiblemente de toda a súa vida é a Vila Mairea (1937-39), realizada para os seus socios en Artek, os Gullichen.
A Vila Mairea é unha das mellores vivendas da historia da arquitectura, nela Aalto conxuga a preocupación do Movemento Moderno polos espacios abertos, a luz ou o carácter escultórico das formas coa artesanía e mailas técnicas de construcción finlandesas. Nesta obra mestra Aalto conxuga á perfección a natureza, que rodea a casa, coas texturas e materiais utilizados.
A Guerra
Alvar Aalto era xa un arquitecto coñecido e respectado no eido internacional e propoñíase crear unha revista na que ían participar persoeiros tan destacados coma Shaw, Hemingway, Lewis Munford ou Sibelius, cando Finlandia mobilizou o país ante a invasión rusa.
Einar Aalto, o irmán pequeno de Aalto, que, resignadamente, se convertera en militar como desexaba o seu pai suicidouse antes de que o chamasen a filas. A Guerra espertou en Alvar Aalto novamente o medo á morte, da que o seu irmán era unha das primeiras víctimas.
O primeiro que fixo Aalto foi fuxir coa súa muller e os seus dous fillos a Suecia. Alí ofreceulle os seus servicios á Axencia de Información Finlandesa para facer campaña en Europa e nos Estados Unidos para explica-la situación do seu país. Aalto embárcase rumbo ós Estados Unidos e no medio da viaxe Stalin acepta retira-las súas tropas e asina-la paz. Con todo, Aalto fai todo o posible por quedar nos Estados Unidos, espertando as criticas de insolidario e covarde no seu país, ó que ten que voltar cando recibe unha comunicación oficial que dá por concluída a súa tarefa nos Estados Unidos.
Alvar Aalto volve a Finlandia, e ten a mala fortuna de que esta se alía con Alemaña para recupera-la rexión de Karelia e Aalto non pode evitar ser mobilizado, nembargantes acada un posto na oficina de propaganda e volve a viaxar ós Estados Unidos, evitando así ir á fronte. Nos Estados Unidos recada cartos para a loita do seu país e ó mesmo tempo dá conferencias, viaxa coñecendo obras como a Casa da Fervenza de Frank Lloyd Wright e establece contactos para vende-los obxectos de Artek.
POSGUERRA
Trala guerra realiza plans urbanos e de reconstrucción para diversas cidades: Oulu (1943), Rovaniemi (1944), Imatra (1947) ou Otaniemi (1949); convértese no presidente da Asociación de Arquitectos Finlandeses, da que será membro honorario dende 1948 e volta novamente proxectar edificios coma o dormitorio de estudiantes no MIT (1946) en Massachusetts (EE.UU.), do que foi profesor intermitentemente entre 1946 e 1948.
En 1949 estaba Aalto en Boston cando a súa muller enfermou de moita gravidade. Aalto volve a Helsinqui e ó pouco tempo Aino morre a causa dun cancro. Esta perda fixo que o arquitecto se sumise nunha crise persoal marcada polo alcol e polo traballo sen descanso. O feito de centrarse no traballo fixo que os peores anos da súa vida deran un froito de numerosos proxectos, de boa calidade e con moito coidado polo detalle, entre os que destaca a Casa do Concello de Säynätsalo (1949-52.
O Concello de Säynätsalo é a mellor, e máis coñecida obra da súa producción de posguerra. Nela combina maxistralmente a estructura de formigón armado, o ladrillo e o traballo en madeira; amosa un dominio total dos detalles e fai un edificio humano, cálido, coidado.
Por ese tempo os seus amigos, preocupados, logran convencelo de que para evadirse é mellor que viaxe que non que se emborrache. Aalto emprende unha viaxe que o leva por Europa, onde se reúne con vellos amigos coma Arp, Brancusi ou Le Corbusier, visitando Holanda, Francia, Suíza, España e Italia; Roma sería o escenario do seu romance cunha colaboradora súa, Elsa Mäkiniemi, unha vinteañeira que en menos dun ano pasaría a se-la súa esposa.
Os anos 50 serían fecundos en proxectos no estudio de Aalto, que realiza obras tanto en Finlandia como no estranxeiro, entre as que destacan a Casa da Cultura de Helsinki (1952-56), a súa residencia estival en Muuratsalo á beira do lago Päijänne, para a que tamén deseñou un pequeno barco (1953), o seu propio estudio en Helsinki (1954-55) ou a igrexa de Vuoksenniska (1956-58), unha das mellores obras do arquitecto e que contén posiblemente o espacio interior de máis calidade dos creados por Aalto.
Os anos 60 son anos nos que Aalto é celebre e non deixa de recibir premios e homenaxes por todo o mundo, exerce como presidente da Academia Finesa e realiza grandes obras institucionais coma o Finlandia Hall en Helsinqui (1962-71), pero non deixa de facer obras de menor tamaño.
O seu estilo vólvese máis brutalista e perde frescura. Entre as obras dos derradeiros anos de Aalto destacan a Ópera de Essen (Alemaña) proxectada entre 1961 e 1964 e maila igrexa parroquial de Riola en Boloña (Italia) proxectada entre 1966 e 1968, ámbalas dúas obras foron rematadas despois da súa morte.
A revolución cultural de maio do 68 colleu como víctima en Finlandia a Alvar Aalto, que foi acusado de traicionar as súas propias ideas, de facer proxectos presuntuosos e de dictador, e como consecuencia foi ignorado por toda unha xeración de arquitectos. Nembargantes a calidade da súa obra faría que acabase tendo seguidores por todo o mundo, que o admiran polo seu manexo dos materiais e o coidado no detalle.
Aalto viviu os seus derradeiros anos proxectando, dando conferencias e soportando por igual as críticas e mailas homenaxes, ata que o corazón lle fallou definitivamente o 11 de maio de 1976 en Helsinqui.
Anxo Sánchez González