Anxo Sánchez González, arquitecto

Lugo, Un exemplo de desfeita urbana

Publicado en O Correo Galego o 15 de xaneiro do 1996

Lugo, a cidade das murallas.

Poderíamos falar da destrucción do contorno noutras cidades galegas coma Ourense, A Coruña ou Santiago, máis o caso de Lugo e especialmente representativo pola continuidade na destrucción e pola importancia do patrimonio afectado.

Lugo é coñecida pola súa Muralla Romana, que supón o resto de meirande magnitude desa época en Galicia, sen embargo a cidade atesoura unha boa cantidade de restos do tempo dos Romanos, ademais dunha serie de pezas se épocas posteriores de inconmensurable valor. Máis é a Muralla un dos elementos que mellor exemplifican a mentalidade dominante na nosa sociedade durante tanto tempo.

A Muralla foi declarada Monumento Histórico Artístico o día 16 de abril do ano 1921 a instancia dunha iniciativa, promovida por un grupo de cinco lucenses indignados pola pretensión dun particular que quería demoler un cubo da Muralla para construír un garaxe, e que xa contaba cá autorización do concello. Esta declaración precedería á declaración de Monumento Histórico para a Catedral, as Termas Romanas, a igrexa de San Francisco, a Casa do Concello e o Museo Municipal. Pero de todas formas aquel intento non era o primeiro que se facía contra a Muralla, da que se chegou a discutir no século pasado sobor da conveniencia de demolela e aproveitar a pedra da mesma para facer valados entre as fincas que se estendían ó redor da cidade. A declaración de Monumento conlevaba a prohibición total de erguer novas edificacións a carón da Muralla e o estudio da súa restauración.

O estudio de restauración da Muralla foi desenvolvido dende os anos cincuenta, pero ata o ano 1972 non se comeza a derrubar as edificacións que ocultaban o monumento, proceso no que se investiría a astronómica cantidade de 240 millóns de 1972. Este proceso sen embargo non desembocou no feito de ter un contorno agradable en torno á Muralla, xa que esta se rodeou dunha vía de alta densidade de tráfico, fronte á que un Plan de Ordenación Urbana incomprensiblemente permisivo permitiu construír edificios de seis ou sete alturas; perdendo aquelas vistas que describía Álvaro Cunqueiro "os horizontes chairegos, os nevados cumes de Os Ancares, as lentas curvas do Miño...". Asimesmo a conservación da Muralla deixouse de lado, en medio de encarnizadas discusións sobor de quén era o responsable de acometela, e somentes nos últimos meses parece terse trocado a tendencia a parchea-los problemas máis acuciantes e se está a realizar un traballo de restauración máis amplo. Pero de todos xeitos non parece que se teña a intención de acometer ningunha medida para solucionar o problema do tráfico en torno a ela e que esta a derrubala cas súas vibracións.

Máis dende o 23 de febreiro do ano 1973 o recinto intramuros está baixo a declaración de Conxunto Histórico Artístico, declaración contra a que se manifestara no seu día o propio concello argumentando que non existía tal conxunto, senón que coma moito había uns poucos edificios illados que se podían protexer; e aínda que Belas Artes non lle chegou a facer caso parece que esta mentalidade foi a que se impuxo na actuación dos distintos gobernos da cidade, que xestionaron uns plans permisivos e decididamente especulativos, situación agravada pola proliferación de incumprimentos ó que se viron sometidos ca construcción de edificios ilegais, con ocupacións e alturas abusivos, aliñacións non oficiais, etc.

Así en troques de eliminar o tráfico dalgunhas rúas concibidas para o uso da xente e non dos automóbiles, constrúense aparcadoiros que poidan atraer máis coches cara un centro conxestionado de paso que arrasan cunha riqueza arqueolóxica de indubidable valor; en vez de facer novos espacios verdes recórtanse algúns dos existentes; non se restauran os edificios da parte vella da cidade, que se caen a cachos, e coma moito se apuntalan para que non se derruben enriba da xente que pasea pola cidade. Outro exemplo da deixadez patética que se observa na cidade é a demolición do edificio do Gran Teatro, único das súas características na cidade.

Lugo, cidade fundada polos Romanos fai máis de dous mil anos sobor do que posiblemente fose unha fraga sagrada para os Celtas viu pasar moitas cousas polas súas rúas e prazas, tivo decadencias e rexurdimentos, máis na actualidade a situación á que unha administración caótica levou á cidade, cun endebedamento que supera os dez mil millóns, con problemas de iluminación, de suministro de auga potable, con rúas sen asfaltar,...non parece ser a situación máis adecuada para afrontar unha conservación dos restos atopados ou dos monumentos existentes. A carencia dun número suficiente de arqueólogos e a tardanza no pago das compensacións que deberían recibir os constructores que ven paralizadas as súas obras fai que estes consideren a posibilidade de ocultar estes achádegos. E é que esta situación na que se xuntan a pésima xestión, a ignorancia, o desexo de acadar ganancias rápidas, o mal gusto e a deixadez por parte de políticos, constructores e arquitectos está facendo que Lugo perda gran parte do seu encanto e da súa riqueza cultural.

Imponse pois para Lugo a necesidade dun plan serio, viable e racional, que non se limite a pensar que prohibindo as cores vivas e obrigando a facer unhas determinadas fachadas e a usar uns determinados materiais se van a solucionar os problemas; e asimesmo é necesaria unha administración responsable e concienciada que faga que este plan se cumpra. Mentres non se de esta situación Lugo seguirá a esmorecer, nun proceso que lamentablemente non é exclusivo desta cidade senón que é sintomático do que está a pasar en moitos lugares de Galicia.

Anxo Sánchez González