Renovación de fachada e cuberta no centro de Becerreá (provincia de Lugo).
O edificio que acolle ó coñecido bar Villamane (o máis antigo da vila de Becerreá) presentaba unhas condicións deplorables na súa cuberta e fachadas, polo que se realizou un proxecto de renovación que eliminase os problemas técnicos (entrada de auga, falla de illamento, desprendementos, etc.) e estéticos (cuberta con partes en fibrocemento, escunchados, estética deturpada, etc.) mellorando tanto o edificio coma o contorno do centro de Becerreá
As actuacións en fachada consistiron en harmonizala unificando os ocos, voltando a unha distribución máis semellante á orixinal que fora deturpada por desafortunadas intervencións no pasado.
Na nova cuberta de lousas de xisto buscouse a altura e solución de cornixa da edificación veciña, para darlle unidade ó frente da rúa; mentres que no interior, apoiada nunha estrutura metálica de perfís de sección pechada (remitindo á imaxe tradicional da estrutura de madeira, pero cunha execución máis rápida, económica e de menores seccións) se colocou unha nova cubrición que deixa máis espazo libre, aporta máis illamento térmico e grazas ás fiestras en cuberta unha boa iluminación e boas condicións de uso do espazo baixo cuberta.