Rehabilitación de vivenda no centro de Guitiriz (provincia de Lugo).
Nunha edificación de 1928, construída por D. Manuel Lousada (coñecido coma "Landoeira" e célebre persoeiro da vila no S.XX) para destinala a vivenda propia, que nunca chegou a habitar, fíxose unha renovación total de instalacións e distribución, pero conservando as magníficas madeiras, muros e forxados, cuberta e galería orixináis; combinando así os valiosos elementos preexistentes cos novos elementos que permiten a formulación dunha magnífica vivenda contemporánea para o neto do construtor orixinal.
Nunha intervención respectuosa cos valores da edificación orixinal, pero ó tempo valente e con gran liberdade para reformular a vivenda, configurouse un fogar moi flexible, con espazos polivalentes, despacho-biblioteca con acceso regulable, salón a dobre altura comunicado co baixo cuberta, cociña e salón unidos por un amplo pasante que pode pecharse a vontade sen perda de calidade dos espazos, habitacións íntimas ou relacionadas co resto da vivenda,...
A intervención, ó aproveitar moitos elementos preexistentes, permitiu un custe baixo aínda que se renovou a distribución e tódalas instalacións, incluso ca dotación de instalacións de enerxías renovables.
A galería orixinal da vivenda, de 1928 respectouse integramente, e para que o interior manteña uns niveis de confort axeitados ós usos actuais e non ter un gran gasto enerxético colocouse acaroada a ela unha corredeira vidrada seccional de case sete metros, que permite un mellor comportamento termoacústico e ó tempo gozar da galería orixinal.
Do mesmo xeito, aínda que se respectou íntegramente a cuberta existente, conservándose tanto lousado coma cangos ou estrutura, aproveitouse a obra para aumentar moi considerablemente o illamento térmico da mesma, ca inclusión de 16cm de illamento térmico baixo a cuberta orixinal, protexido por un friso de madeira no interior.
No exterior, as actuacións foron mínimas, repectándose a fachada orixinal e únicamente renovando carpinterías por unhas novas en mellores condicións e máis illantes.