Vivenda unifamiliar illada no núcleo de Alfonxe, Gomeán, O Corgo (Lugo).
A vivenda proxectouse, tendo en conta unhas fortes limitacións presupostarias e unha climatoloxía esixente, para ser a primeira vivenda dos seus promotores, unha parella xoven.
A distribución busca a mellor orientación de cada unha das estancias (no plano recollido o norte queda á dereita) de xeito que teñan a iluminación natural no momento do día no que máis se precisa polo uso das mesmas. Realízase unha distribución que combina espazos exteriores pertencentes á casa (porche e terraza) que a poñen en relación co seu contorno, e espazos interiores que poden funcionar autónomamente ou en relación con este mesmo contorno
A cuberta da vivenda é de tipo axardinado, por tres razóns principais: por unha parte unha mellora substancial no confort interior ó illar do frío no inverno e da calor excesiva no verán, por unha integración respectuosa co contorno, e por un custe competitivo ó ser inferior a solucións alternativas coma a cuberta inclinada sobre tabiquiños.
A calefacción da vivenda resólvese mediante unha caldeira de auga que permite o uso de madeira natural, abundante na zona, ou de pellets, ó tempo que aporta un elemento acolledor no salón ó utilizarse un modelo que permite observa-lo lume.